Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 31/01/2021 | Actualizada ás 17:59
Traballadores temporais do sector público manifestáronse en coches en toda España este domingo convocados pola Plataforma de Traballadores Públicos Temporais en Fraude de Lei (MI15F), para pedir o fin do "abuso de temporalidade" na Administración e denunciar a "precariedade" que afecta a máis de 800.000 empregados públicos en España.
Os vehículos, adornados con globos amarelos e negros e con carteis coas súas reivindicacións, fixeron soar as súas bucinas ao longo de toda a marcha, que tivo lugar de 11,00 a 12,00 horas nun total de 27 cidades, entre elas Santiago de Compostela.
Na capital galega, unha comitiva con centos de vehículos saíu desde o aparcadoiro do Estadio Verónica Boquete de San Lázaro e dirixiuse cara ao Ensanche, onde percorreu varias rúas para logo volver ata o punto de inicio.
A plataforma convocou a marcha para reivindicar que "a Administración pública cumpra o Dereito da Unión, comprobando cada relación temporal, para determinar se incorre en Abuso de Temporalidade, e aplique como sanción ao incumprimento o mantemento do emprego ata que concorran as causas xerais de cesamento para todo traballador público mediante unha regularización administrativa".
Tamén reclaman que o Goberno atenda a Resolución do 31 de maio de 2018 do Parlamento Europeo, adoptando políticas de loita contra a Fraude na Contratación e contra o Abuso da Temporalidade no Sector Público, similares ás adoptadas no sector privado, como son a inspección e a sanción.
En materia de non discriminación, a plataforma reivindica que a Administración deixe de aplicar toda norma estatal que impida garantir a igualdade nas condicións de traballo dos traballadores temporais respecto dos fixos ou de carreira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.