En cada etapa da nosa democracia, houbo mulleres e homes que fixeron o noso país todos os días. Defendérono para que superara cada obstáculo e non pasara a engrosar a lista das culturas e dos pobos desaparecidos ao longo da historia. En todas as actividades houbo cidadáns que sempre mantiveron en pé o ideal colectivo. Tamén hoxe galegas e galegos despregan unha loita semellante no noso tempo.
Hai poucos momentos mellores que este 25 de xullo para deixar ao descuberto que a principal forza do noso país reside na nosa xente. Presidir Galicia é unha honra que permite constatalo con maior intensidade pois ningún impulso institucional ao longo da era democrática tería frutificado sen o esforzo cotiá dos cidadáns.
Detrás da consolidación do noso autogoberno está o espírito de concordia que comparten a inmensa maioría dos galegos. A modernización da nosa economía explícase polo esforzo de miles de traballadores e de emprendedores que nunca se renderon, por grandes que foran as dificultades. A súa solidariedade e a capacidade para discernir o verdadeiramente importante fixo posible construír na nosa Autonomía un sistema de servizos públicos impensable hai soamente unhas décadas.
Comezar a poñer en práctica a Galicia soñada polos nosos devanceiros foi mérito de persoas que case sempre estiveron ou están lonxe dos focos e dos aplausos.
Recoñecelo é unha obriga pero tamén unha fonte inesgotable de motivación.
Cada un de nós ten unha nai, un pai, unha avoa, un avó, un referente que nos serve de guieiro. Cando sentimos desalento polas 273.434 persoas que queren traballar e non poden, atopamos alguén que nos recorda o mellor do que fomos e do que podemos ser.
Ante o reto da crise económica, a súa memoria proba que non hai maldición que impida ao noso país superar ata os máis grandes problemas. Fronte ao perigo de que se cuestione o sistema democrático, están os galegos de onte que sortearon con éxito dificultades institucionais mesmo máis importantes que as nosas.
A historia recente de Galicia é a historia dun gran logro colectivo. É certo que precisa renovarse para non esmorecer en medio das dificultades do tempo presente pero, para facelo, sabemos que o mellor modelo a seguir está en nós mesmos. Iso é o que nos permite poder amosar nesta día a nosa confianza en Galicia e en todos os galegos.
Hai entre os cidadáns milleiros de temperamentos e de formas de entender a vida. Non se pode dicir que ningún deles moleste ou que sobre un só dos seus pensamentos. Tampouco que sexan inútiles as discrepancias no xeito de afrontar problemas comúns ou buscar obxectivos compartidos porque, lonxe diso, o debate construtivo abre camiños que permiten avanzar.
Mirándose no espello das galegas e dos galegos, o papel do político debe servir para establecer un solo común no que ninguén se sinta alleo. Cada problema non pode servir para fustigarse, senón que ten que ser un motivo para atopar solucións. Galicia é un patrimonio compartido que require da participación de todos.
Hai dous vínculos que explican a vontade dos cidadáns de manter aceso o facho do noso país e darlle alento ante os problemas. Hai un baseado nos intereses comúns, no benestar e no desenvolvemento ansiado por todos. É un factor importante, pero que sería insuficiente sen outro lazo que nos liga, e que descansa na nosa visión común do mundo.
En cada unidade familiar, en cada hospital, en cada colexio, en cada empresa da nosa terra hai galegas e galegos que viven xuntos e que fan cousas xuntos. Son historias en plural que lle permiten á nosa terra sobrevivir, avanzar malia todas as dificultades e abrirse permanentemente ao mundo globalizado.
Cómpre seguir ese exemplo dos galegos, pero ademais é preciso louvar o seu papel fundamental na nosa historia. Neste Día de Galicia e todos os días.