Os soños cumpridos do Presidente Fraga

Nunha data tan prematura como 1982, don Manuel Fraga Iribarne facía unha confesión que hoxe resulta esclarecedora. “Gustaríame morrer con algunha obra importante e duradeira detrás, aínda que non ignoro que todo é caduco, fugaz e pequeno”. Este desexo, expresado na súa obra España entre dous modelos de sociedade, viuse colmado amplamente porque a obra que deixa detrás, como presidente da Xunta, como pai da Constitución e como fundador duns dos principais partidos da España democrática, é xa patrimonio de todos e, a pesar da erosión que o paso do tempo produce, quedará fixada no futuro.

Por Alberto Nuñez Feijoo | | 17/01/2012

Comparte esta noticia

Estamos ante un dos creadores da España democrática e ante o home que insuflou na autonomía galega a alma que Galicia estaba demandando. Manuel Fraga intúe a necesidade dunha forza de centro-dereita unida e acorde cos tempos. Pero non só aporta unha teoría que nace dos seus profundos coñecementos da historia e das ideas políticas, senón que se pon mans á obra. Manuel Fraga cre nunha Constitución que sexa o fogar común de todos os españois e traballa nela cun celo admirable. Manuel Fraga imaxina unha España diversa e pon o seu afán en artellar un sistema autonómico harmónico.

En todas as misións nas que se embarca, vemos combinadas as dúas facetas que distinguen o home que nos acaba de dicir adeus. Tiña dotes sobradas para ser un erudito, un teórico do Estado, un profesor dos que fan escola. Puido ser, en suma, un espectador privilexiado da realidade, afastado dos perigos e desgustos da política práctica. Só con isto xa tería un lugar sinalado na historia. Non obstante, don Manuel implícase.

Quere que a súa sabedoría política sirva para resolver problemas e non só para enuncialos. Fronte ao modelo do estudoso encerrado na súa cátedra, e ao home de acción sen tempo para a reflexión, Manuel Fraga conxuga de forma constante as achegas teóricas e a praxe. Tan pronto o vemos desentrañar o pensamento de Antonio Cánovas ou Alfredo Brañas, como batallar no Parlamento ou terzar nas loitas partidarias. A súa vida é intensa, pero o seu inconformismo é ilimitado.

Non se sente satisfeito con ser un ilustre profesor e tampouco descansa tras ter atravesado o deserto e conducido o centro-dereita español a unha unidade que parecía quimérica. Tiña unha sinatura pendente que se chamaba Galicia. Cando na súa primeira toma de posesión como presidente da Xunta afirma que toda a súa vida foi una preparación para ese momento, ofrece a mellor explicación a quen non entendían naquel momento o porqué da súa aventura galega. Ao igual que nas repetidas historias do emigrante retornado, don Manuel reencóntrase coa súa terra.

Se o emigrante tradicional se esforza por deixarlle ao seu pobo un legado en forma de escola, fonte ou monumento, Manuel Fraga trae consigo a súa experiencia de home de Estado. Dálle á autonomía galega o que Galicia precisaba naqueles tempos convulsos: non só infraestruturas, senón tamén orgullo. Failles ver aos seus paisanos que son capaces de grandes logros, úneos en torno a obxectivos ambiciosos, logra que os seus sinais de identidade luzan con naturalidade e sen conflito. 

Non hai precedentes dun dirixente democrático que lograra una adhesión tan alta do seu pobo. A explicación está en que a identificación de Manuel Fraga con Galicia non só é política, senón sobre todo emocional. Encarna un galeguismo próximo, sen sofisticacións, accesible a todo aquel galego disposto a traballar polo seu país. O home do que se dicía que a súa cabeza era capaz de abarcar o Estado, demostra en Galicia que tamén ten cabida para a alma da súa xente.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alberto Núnez Feijoo Alberto Núñez Feijóo (Os Peares, 1961) é presidente do Partido Popular de Galicia e da Xunta de Galicia. Estudou dereito na USC e aprobou as oposicións do grupo A da Xunta. De seguido comezou a súa carreira política. Foi, entre outros cargos, responsable de Correos de España e vicepresidente no tramo final da última lexislatura de Manuel Fraga.