Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 03/02/2021
Esa entrevista tróuxome á memoria os anos sesenta do século pasado, cando moitos desexábamos que chegara á democracia. Idealistas eramos pois, cretinos de nós, pensabamos que ó instaurarse un réxime onde puideramos votar libremente o nivel de cultura política medraría e as ideas nocivas e populistas que desprezan a nosa forma de vida terían menos espazo na sociedade.
O tempo foi abríndonos os ollos e amosando que, a realidade, é moi distinta daquela á que moitos aspirábamos. E agora que levamos moitos anos de democracia comezamos a decatarnos que, nin toda modernidade é progreso nin no eido cultural e político avantamos tanto. Pois sigue habendo milleiros de persoas que, por diversas razóns, non distinguen o grao da palla e son o obxectivo dos manipuladores que lanzan novas adulteradas.
Na actualidade vivimos un tempo no que, quizais por desleixo, os gobernantes non souberon defender as institucións públicas nin preservalas dos ataques de persoas, predicadores de fumo, que as deterioran intencionadamente pra aproveitarse delas en beneficio propio. E, esas novas adulteradas con mensaxes simples nas redes e tamén nalgúns medios de comunicación, calan na xente e levan ó poder persoeiros egocéntricos e manipuladores que logo resultan ser uns fascinerosos de novo cuño.
O acontecido en países onde se presumía unha democracia consolidada debera ser motivo dunha fonda reflexión para todos nós. Países onde chegou ó poder un narcisista que sempre se considerou un persoeiro tan importante que, ademais de pensar que todo xiraba arredor del, tamén pensaba que nunca perdería unhas eleccións. Todo eso debera levarnos a entender ó que é a manipulación das masas. Claro que mesmo na nosa sociedade, aínda que a menor escala, tamén aconteceron fenómenos semellantes. Por eso hai que, en primeiro lugar, defender o prestixio das institucións democráticas. Pois estas son de todos e teñen que estar por riba de quen ostente o poder. E non escoitar os cantos de serea destes persoeiros, predicadores de mala intención, que se amosan como salvadores e que logo resultan ser estafadores de promesas falsas e o que -é peor, un perigo para a sociedade.
Ós milleiros de persoas que nos anos anteriores e posteriores á transición soñaban cun réxime de liberdades; que ansiaban unha unha sociedade mais xusta, máis culta no político e mellor no social, perciben a día de hoxe unha fraxilidade que leva á democracia a cometer grandes erros electorais. Erros que ergueron ó poder a persoas que soamente están no cargo pra beneficio persoal sen importarlle para nada servir ós cidadáns.
En fin, a fraxilidade da democracia é evidente. Polo tanto urxen medidas e filtros que protexan a nosa sociedade desa pandemia de trolas e medias verdades.