Temas: LIDL NARóN FOLGA

A folga dos traballadores de Lidl paraliza a plataforma loxística en Narón

O paro está convocado pola CIG para demandar melloras laborais para os ao redor de 150 traballadores.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/02/2021 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

A plataforma loxística que a empresa Lidl ten emprazada no polígono industrial do Río do Pozo, en Narón, "está completamente paralizada xa que non ha entrada persoal a traballar" a consecuencia da folga de 48 horas que os seus traballadores secundan desde este mércores. Así o trasladou Cristina Martínez, secretaria comarcal da Federación de CIG-Servizos en Ferrol, sindicato convocante deste paro, que está previsto ata a medianoite deste xoves.

Protesta de traballadores de LIDL
Protesta de traballadores de LIDL | Fonte: Europa Press.

Á entrada destas instalacións permanecen traballadores e delegados sindicais formando un piquete, sen que se producisen incidentes.

Martínez detallou que decidiron convocar esta folga xa que "hai catro anos negociouse un convenio colectivo a nivel estatal de Lidl" e "no caso deste centro loxístico perdéronse moitos dereitos, xa que aquí había un convenio provincial".

Agora, segundo apunta, "vólvese negociar este convenio estatal cos sindicatos maioritarios, CCOO e UGT" e a central nacionalista denuncia "atoparse cun convenio ponte de dous anos cunha suba salarial mínima e sen máis nada que negociar".

A CIG asegura que os seus representantes foron a esa mesa "para negociar". "Pedimos unhas condicións de traballo diferentes para aquí, pero non hai acordo e aquí estamos", remarca, en alusión a esta folga que pretende impedir utilizar esta plataforma para poder abastecer os centros que a multinacional ten situados en Galicia, Asturias e unha parte de Castela-León e que dá emprego directo a uns 150 traballadores.

"Estamos a pedir á empresa Lidl, tal e como lle dixemos nunha reunión co Consello Galego de Relacións Laborais, que sente a negociar, que temos intención de chegar a un acordo e unhas mellores condicións para todos os traballadores", detallou a representante sindical.

Temas: LIDL NARóN FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta