Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2021 | Actualizada ás 21:00
Aínda que o gran gañador da noite electoral Catalana foi o independentismo --ou o PSC, segundo a quen se lle pregunte-- as eleccións do 14F deixaron outro claro trunfo da banda da extrema dereita. O partido ultranacionalista Vox pasou de non ter presentación a se colocar como cuarta forza política con nada menos que 11 escanos; sendo así a primeira forza 'constitucionalista' do Parlament por detrás do PSC.
O sorpasso do partido de Abascal ao PP e Podemos --atrás queda tamén, cada vez máis afundido, Cs-- senta un precedente perigoso no marco da política estatal. Vox é, polo momento, terceira forza do Congreso dos Deputados; un paradigma que podería cambiar no caso de que o esborralle do PP en Catalunya se traslade tamén ao ámbito estatal.
O pronunciado ascenso do partido ultra nun territorio que, a priori, semellaba hostil abre moitos interrogantes sobre o futuro da formación na política estatal. Tralo golpe de efecto de Ignacio Garriga sobre o Parlament, tan só quedan tres CCAA sen representación de Vox na súa cámara: La Rioja, Navarra e Galicia; onde o partido de extrema dereita non conseguiu representación algunha na derradeira cita electoral.
A incógnita desta falta de representación da extrema dereita no Parlamento Galego encheu as redes sociais nas horas seguintes á finalización do reconto electoral catalán, que deixou, en fin, varios trunfadores nunha soa noite. Coa caída de Catalunya, redúcese o grupo das Comunidades Autónomas que exercen de dique de contención contra a extrema dereita. Galicia, ao igual que Navarra, non ten --polo momento-- un só cargo público de Vox.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.