Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2021 | Actualizada ás 13:46
A Xunta abriu unha nova funcionalidade no teléfono 012, de forma que a cidadanía pode presentar as súas declaracións responsables de aproveitamentos madeireiros para uso doméstico a través deste sistema telefónico.
Segundo informou a Administración autonómica, este servizo estará dispoñible unicamente para aquelas curtas de madeira cuxo destino sexa o uso doméstico --frecuentemente para leñas-- e que non vaian ser obxecto de comercialización.
Así, os axentes do 012 comprobarán que as parcelas onde se vaia a realizar a curta non teñen afeccións sectoriais ou de protección de dominio público, nese caso é necesario tramitar unha solicitude de autorización mediante o procedemento ordinario.
As persoas interesadas en realizar este servizo telefonicamente deberán dispor no momento da chamada da información básica de aproveitamento, como especies, número de árbores, peso ou volume aproximado e referencia catastral da parcela.
As chamadas serán gravadas e comprobarase a identidade da persoa a través dos datos do seu DNI. Unha vez presentada a declaración responsable, as persoas interesadas poderán realizar o aproveitamento doméstico non comercial "cando o desexen".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.