Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2021 | Actualizada ás 11:00
A Federación Ecoloxista galega (FEG) promoveu unha petición na plataforma Change.org na que pide a anulación da Revisión do Plano Forestal que a Xunta prevé aprobar no 1º trimestre 2021. Está dirixida á Dirección Xeral de Ordenación Forestal, á Xunta e á Consellería do Medio Rural.
Segundo a federación, "montes e ecosistemas forestais de Galicia precisan un Plan Forestal axeitado, un plan sustentable dende o punto de vista económico, medioambiental e social". Ademais, critican o Plan Forestal "Next Generatión" promovido pola Xunta, debido a que, defenden, "ten un fin exclusivamente produtivista de carácter privado afondando, aínda máis, na desfeita do patrimonio natural de Galicia".
A FEG critica que o proxecto da Xunta fai unha diagnose ficticia da situación do monte galego a partir dun inventario forestal "irreal e desfasado" e carece de consenso social. Tamén di que omenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras, especialmente, o eucalipto e o piñeiro, e "promove a forestación de terras agrarias, ao deixar en mans de empresas madeireiras e forestais máis de 150.000 Ha destes terreos".
Tamén denuncia que favorece a vulnerabilidade do monte galego fronte ao cambio climático e potencia a proliferación e intensificación dos lumes forestais e a privatización da loita contra os incendios. Tamén apunta que agrava a situación de abandono e desertización do rural galego e alenta a desaparición dos montes veciñais en man común
Por isto, solicitan a elaboración dunha nova planificación do monte a partir do Inventario Forestal Galego (aínda en elaboración) e seguindo como principios reitores "a necesidade de afrontar a emerxencia climática, a preservación da diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos do monte, o aumento significativo do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos e a sustentabilidade económica e social", reivindican.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.