Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 04/02/2025 | Actualizada ás 21:15
Sabes o que é un tarugo? Por ese nome quizáis non che soe, pero de seguro que te tes atopado con máis dun cada vez que botas a andar pola praia. Trátase de paus alongados de plástico que se poñen nas cordas das bateas, separados a certa distancia os uns dos outros, para evitar que mentres medran os mexillóns esvaren polo seu propio peso. Con todo, inevitablemente, sempre vai haber algúns que rompan e rematen á deriva no mar, chegando coa forza das mareas ás praias e contaminando así tanto o medio mariño como o medio terrestre. Os tarugos convertéronse dende hai anos nun dos refugallos máis habituais nas praias galegas, a pesar de que aínda existe moito descoñecemento sobre o que son e de onde proceden naquela parte da sociedade que non vive preto do mar. Así, coa intención de concienciar sobre esta lacra, Limpiarousa, Sufrider España, Proxecto aMARte e Adega impulsaron a pasada fin de semana a I Recollida Simultánea de paus de batea nas praias de Galiza, conseguindo mobilizar ao redor de 300 persoas/entidades voluntarias e recoller uns 15.300 tarugos en tan só tres días de traballo, ademais de varias cordas con estes paus enganchados.
Dende o Galicia Confidencial falamos con Anni, do colectivo Limpiarousa, que nos explica que "a nosa intención con esta iniciativa era facer un pequeno mapeo para coñecer o alcance real desta problemática ao longo de toda a costa galega, localizando cales eran os puntos aos que máis paus chegaban, aqueles nos que había maior concentración, pero tamén zonas nas que un non agarda atopalos e, sen embargo, tamén comprobamos que os hai". Ademais, o que máis chamou a atención de moitos voluntarios foi o feito de que había paus moi desgastados, o que permitía inferir que levaban unha gran cantidade de anos na praia ou no mar. "Atopámonos un pouco de todo, dende tarugos máis antigos, que debían ter preto de 50 anos, porque se vía que eran máis rústicos, ata os que chegaron despois, máis redondeados, e tamén os que se empregan agora, que gozan dunha especie de saíntes (modelo tiburón) e que, segundo dicían, eran irrompibles", apunta. A realidade, moi pola contra, é que de irrompibles non teñen nada, pois aparecen moitos rotos polos areais galegos.
E é que estes pauciños de plástico non sempre tiveron a forma coa que todos os asociamos na actualidade. De feito, como nos explica Anni, "cando comezaron a empregarse nas bateas, os primeiros estaban feitos de madeira e eran cadrados, pero non tardaron en verse substituídos polos de plástico, de maneira que xa hai uns 50 anos que se levan fabricando de plástico, nun comezo con forma redondeada, semellante á das tubaxes". Tempo despois, "fóronse profesionalizando e comezaron a xurdir diferentes modelos, a maioría deles en forma de cruz". A día de hoxe "xa teñen forma máis puntiaguda" e "o último modelo que sacaron dende J.J. Chicolino (unha empresa adicada ao desenvolvemento de solucións para o sector da acuicultura e da pesca), o coñecido como 'tiburón', é moi semellante, pero cuns saíntes a maiores que se supón que garantirían a súa irrompibilidade e que os farían moito máis resistentes". Con todo, isto tampouco quere dicir que todas as bateas que hai no mar na actualidade empreguen este tipo de tarugos último modelo, pois, en realidade, "hai algunhas bateas que aínda conservan os antigos, por iso tamén nos atopamos nas praias cun pouco de todo, ás veces ata algúns de madeira".
"SE TRATAS DE EXPLOTAR MOITO UN RECURSO COA FINALIDADE DE AUMENTAR A SÚA EXPORTACIÓN, AO FINAL O MODELO RESULTA INSOSTIBLE"
A pregunta lóxica é: como é posible que os tarugos de hai 50 anos fosen máis sustentables e respectuosos co medio ambiente que os actuais, con todo o que se ten loitado en prol da concienciación ambiental? Para Anni está claro: "é moi fácil, ao final todo se basea no custo de fabricación". E, neste caso, as empresas atoparon unha redución de custos moi suculenta que non podían desaproveitar ao substituír a madeira polo plástico. "Antigamente, o método tradicional era empregar a madeira porque estes paus eran fabricados pola propia xente que tiña bateas, con restos de leña que quedaban no monte e que se aproveitaban para facer tarugos; tarugos que, ademais, eran colocados tamén de maneira artesanal nas cordas", sinalan dende Limpiarousa. Hoxe por hoxe, isto xa non se fai e, de feito, "agora mesmo hai moitas empresas que xa venden as cordas feitas, cos palillos xa axustados nelas", o cal vén supor un atractivo máis para os compradores, pois "saélles moito máis barato que levar eles o traballo de colocalos".
Aínda con todo, a percepción é que na actualidade hai moitas máis bateas no mar e, en consecuencia, moitos máis destes paus para suxeitar os mexillóns. Dende Limpiarousa consideran que isto tamén se ve favorecido pola "sobreexplotación dos recursos". "Se se trata de explotar moito un recurso (neste caso o mexillón) coa finalidade de aumentar a súa exportación, ao final, o modelo resulta insostible, porque non podes ter milleiros e milleiros de bateas producindo continuamente nunha ría que é a mesma que fai 50 anos", lamenta Anni. Esta problemática, ademais, sumaríase a moitas outras que rematan no maltrato continuo do mar galego, como a contaminación por verteduras da industria. "Isto é algo que nos perxudica a todos, tanto ao propio sector como aos que vivimos na costa", conclúe.
"TEMOS QUE INTENTAR BUSCAR UNHA SOLUCIÓN A ISTO ENTRE TODOS, MEDIANTE O DIÁLOGO, NON QUEREMOS CRIMINALIZAR A NINGUÉN"
Con esta limpeza masiva de tarugos, os colectivos implicados non só querían facer un chamamento á sociedade expoñendo a realidade das praias e a contaminación que hai nelas, senón levar o caso tamén ante as administracións competentes, pois "está claro que hai que facer algo, porque é insustentable seguir así", reivindica Anni. Deste xeito, conta que cos resultados finais de todas as recollidas, "seguramente fagamos un informe que presentaremos tanto ao sector do mar como ás autoridades competentes, para ver se podemos buscar unha solución entre todos, mediante o diálogo, porque non estamos tratando de criminalizar a ninguén, e moito menos ao sector tradicional do mar ou á xente da nosa ría, senón buscar formas de mellorar".
Ao preguntarlle se cren que o seu chamamento servirá dalgo e se a Administración lles chegará a atender, visto o visto co caso dos pélets, Anni amósase convencida de que si, porque "somos testás e non deixaremos de insistir nisto". Aínda que tamén asegura ser consciente de que "xa houbo estudos previos sobre o impacto no mar das bateas para tratar de mellorar, encargados pola propia Administración e nos que se gastaron moitísimos cartos, e, ao final, non chegaron a ningún lado; así como moitísimos outros estudos que se fixeron de xeito independente e que tampouco sacaron en limpo nada máis que unha guía de boas prácticas que non se está cumprindo". "Ao final, todo iso son cartos que se foron tirando e que non serviron para nada", lamenta Anni.
"OS TARUGOS, TRAS PASAR MOITO TEMPO NO MAR, DEGRÁDANSE E SOLTAN MICROPLÁSTICOS QUE REMATAN SENDO INXERIDOS POLOS ANIMAIS MARIÑOS"
Pero, como impactan os tarugos no ecosistema mariño? Cal é o seu perigo? Dende Limpiarousa explican que "o tarugo como tal é un plástico relativamente grande que frota no mar", mais o verdadeiro problema chega cando "ese plástico pasa moito tempo en contacto co sol, coa luz, coa calor, co sal e coa oleaxe e remata degradándose e desfacéndose pouquiño a pouco". Esa degradación ten como resultado milleiros de microplásticos que, "normalmente, actúan coma unha esponxa, atraendo cara eles combustibles e outras substancias contaminantes presentes no mar". Deste xeito, "convértense en auténticas bombas de reloxaría cargadas con veleno que son inxeridas polos animais mariños e, en última instancia, polos humanos que teñen o peixe incorporado na súa dieta".
TAMI PRIETO, DE AURANOCTIS: "ESTAMOS MOI CONTENTOS, PERO AÍNDA QUEDOU LIXO NA PRAIA QUE SE PODERÍA TER RECOLLIDO SE SE SUMASE MÁIS XENTE"
Ao igual que as voluntarias de Limpiarousa, Tami Prieto (@aura.noctis) tamén quedou "moi contenta" co resultado da recollida de tarugos realizada, no seu caso, na zona do Grove, na que mesmo participaron 120 alumnos de Primaria do C.E.I.P. As Bizocas, que deron apañado 1.200 paus. Con todo, lamenta que, máis aló deles, "eramos 11 voluntarios que pola nosa conta demos recollido 1.324 paus espallados ao longo de 12 praias, pero, se houbese máis voluntarios, poderiamos ter recollido moito máis lixo que quedou na praia, ou alo menos o máis voluminoso, e foi unha pena, porque xa que pateamos tantas praias, poderían ter quedado máis limpas". "Cos que eramos fixemos o que puidemos", asevera. Ademais, no tocante á recollida de tarugos, que era o refugallo no que se centraba a limpeza, celebra que "sacamos unha barbaridade, unha cantidade que sería inabarcable para min soa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.