Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/02/2025 | Actualizada ás 21:55
Éowyn, Herminia e Ivo causaron auténticos estragos ao longo de todo o territorio galego as pasadas semanas. As fortes choivas e os ventos que superaron os 160 quilómetros por hora nalgúns puntos de Galicia deixaron como resultado importantes inundacións, múltiples caídas de árbores, fortes corrementos de terras, arrepiantes desprendementos de cubertas e fachadas de edificios... Pero os efectos deste tren de borrascas non só se deixaron sentir en terra, senón tamén no mar. O mariñeiro e divulgador Rogelio Santos Queiruga quedou moi asombrado cando, ao chegar a unha praia da localidade de Porto do Son, se atopou con ducias e ducias de pequenas crías de polbo mortas polo areal. Imaxes que verdadeiramente sobrecollen o corazón de calquera. Que podería ter acontecido? Como chegaron alí? Que foi o que as botou do mar? Máis aló da forza dos propios temporais, que dende tempos inmemoriais levan arrastrando refugallos á costa, algo tivo que ocorrer para chegar a dárse semellante escenario. Dende o Galicia Confidencial falamos con Rogelio para que nos conte as súas hipóteses.
"A verdade é que houbo moitos días continuados de moi forte ondada no mar", explica Rogelio, que cre que a isto puido sumarse "unha baixada na salinidade da auga polas chuvias". Ademais, estes factores "puideron coincidir tamén con que houbese moita cantidade de polbo pequeno a pouca profundidade, en covas ou semellantes e, polo tanto, que ao romper a ondada sobre el, por efecto das correntes, o arrastrase á area". Como indica, "o polbo é un animal moi sensible aos cambios na salinidade da auga, e unha baixada acusada tamén puido facer que morresen e rematasen sendo arrastrados a terra". Todas estas son simplemente hipóteses, con fundamento, pero hipóteses, porque "é moi difícil poder apuntar a unha única causa". De feito, Rogelio asegura que "non é nada habitual que se dean todos estes factores ao mesmo tempo como para que aconteza algo así". Hai algúns precedentes semellantes en puntos de Portugal ou do País Vasco, e xente que comentou nas redes sociais deste divulgador que se ten atopado con algo así na desembocadura da Guarda, pero non por iso deixa de ser un fenómeno moi atípico. Tan atípico que, con tantos anos ás súas costas no mar, Rogelio asegura que el "non vira nunca algo así".
Sobre a posibilidade de que se trate polbos procedentes de capturas ilegais por parte de mariñeiros ou pescadores furtivos, Rogelio apunta que "dudo que o foran, porque se levaba case unha semana (dende o venres) sen saír ao mar, polo vento e a ondada". Sexa como fose, advirte de que "é mellor que a xente non os colla para consumir, por non saber a ciencia certa as causas da súa morte". "Aínda que pode parecer algo obvio, hai unha minoría da xente á que se lle pode pasar pola cabeza", puntualiza. E é que, no caso concreto desa praia, "nela desemboca un pequeno regato, co cal, non podemos saber se alguén botou algo por el que puidera matalos ou contribuír á súa morte". Con todo, baseándose na súa experiencia e na doutros compañeiros de profesión, asegura que "en determinadas circunstancias (non chega só con que choiva), a auga doce pode debilitar aos polbos e, se estes se atopan preto da terra, a pouca profundidade, poden sufrir as consecuencias de grandes tormentas de area submarinas derivadas da forte ondada (como aconteceu no caso da praia da Arnela a pasada semana e anteriormente noutros lugares) que poderían ser tamén motivo desa elevada mortandade". Iso explicaría tamén a cor branquecina coa que foron atopados algúns destes polbos, coa pel inchada e moi desgastada.
"O QUE MÁIS SORPRENDE É TAL CANTIDADE DE CRÍAS NUN ANO NO QUE ESCASEA O POLBO"
Outra das preguntas que xorde a raíz do acontecido é: por que era polbo tan pequeno? Por que non había polbo grande? É este tempo de cría? Rogelio apunta a que "polbo pequeno pode habelo durante calquera época do ano", non se dá nunha época en concreto, pero sinala que "si que é certo que é máis habitual que haxa maior cantidade de polbo pequeno arredor do mes de xuño". É dicir, estamos falando de que nestas datas, finais de xaneiro-comezos de febreiro, non tería por que ser especialmente abundante a cría de polbo. Pero, para o divulgador, o máis sorprendente de todo non é iso, senón que aparecesen "tantas crías nun ano no que está a escasear o polbo". O sector leva anos alertando disto, da falta de polbo no mar e, en consecuencia, nas lonxas. O porqué, novamente, é difícil de pescudar, pois ao final deriva dunha suma de factores que xeran a treboada perfecta para que isto aconteza. Neste senso, Rogelio explica que "pode haber moitas femias de polbo que poñen os seus ovos e coidan das súas crías que, se cando estas nacen, por factores ambientais como correntes mariñas, cambios na temperatura da auga que fan escasear o alimento e demais circunstancias, rematan morrendo antes de chegar á idade adulta, non serve de nada".
"Normalmente, calquera cousa que aconteza no mar non responde a unha única causa, sendo o máis frecuente a combinación de varias", afirma Rogelio, que tamén asegura que, de feito, "nin este ano nin o pasado houbo en Galicia nada fóra do común no tocante á acción humana sobre o mar: non houbo ningún grande cataclismo, non mudou a maneira de pescar, non cambiaron as formas de pesca...". "Se a min me dixesen que hai un mes un enorme barco cargado de químicos rompeu contra as costas de Galicia e verteu toda a súa carga no mar, entendería que houbese altas mortaldades, pero non foi o caso, non aconteceu nada fóra do común", reflexiona. O que si asegura que tivo lugar foi "unha serie de fenómenos climáticos extremos, tanto no tocante á temperatura como ás chuvias, consecuencia do cambio climático, que non derivan directamente na falta de polbo, pero que si poden afectar á súa abundancia de maneiras que mesmo descoñecemos, influíndo, por exemplo, na cantidade de placton e de alimento". O que está claro, chegados a este punto, é que non se pode apuntar directamente a unha única causa como responsable da alta mortaldade, senón que probablemente se deba a un conxunto de circunstancias adversas das cales, moitas, aínda non as chegamos a comprender moi ben.
"TEMOS MÁIS SUMIDOIROS NA COSTA, MÁIS INDUSTRIA CA NUNCA, MÁIS QUÍMICOS... E TODO SE FOI CANALIZANDO CARA O MAR"
Todas as circunstancias anteriormente comentadas non afectan unicamente ao polbo, senón tamén ao marisco, sobre todo aos bivalvos, extremadamente sensibles aos cambios no mar. Nos últimos anos a sociedade cambiou e, con ela, os seus hábitos. Como apunta Rogelio, "levamos moitas décadas cunha rede de sumidoiros que bordea toda a costa de Galicia, agora temos máis industria que nunca, moitos máis produtos químicos en circulación que hai 20 ou 30 anos, pasamos de lavar a roupa con xabón a facelo con deterxentes e suavizantes... Todo iso foise canalizando cara o mar (coma se dun vertedoiro se tratase), unhas veces directamente, a través de depuradoras; outras veces, sin elas; e, outras, con depuradoras cuxa capacidade inicial rapidamente se viu superada por todo o que lles chegaba para depurar, consecuencia da edificación e industrialización masiva en zonas que non estaban preparadas". Este maltrato continuo ao mar ao longo de tantos e tantos anos, como evidencia o mariñeiro, "xa non só produce cambios a nivel da auga, senón tamén nos substratos, nos areais, algo que afecta a todos os animais que viven no mar, pero, especialmente, aos moluscos".
Significa isto que o marisco que produce Galicia xa non é de calidade? Non, nin moito menos. Rogelio asegura que "o noso marisco segue sendo de excelente calidade e cumpre con todos os requisitos que o fan apto para o consumo, non ten nada de malo", pero, o que si está acontecendo "é que cada vez hai menos, porque está máis debilitado e remata morrendo antes de chegar á idade adulta". "Se agora a esa explosión da industria se lle suman as altas temperaturas, as chuvias continuadas, a falta de regulamento nos encoros, as prácticas de minaría non de todo estritas, como aconteceu en San Fins (onde os límites de metais pesados chegaron a superar 100 veces o máximo legal permitido)... Todo iso vai mermando a fortaleza do marisco, que non é quen de superar as adversidades que lle van chegando", explica o divulgador.
"NON SE TRATA DE CRIMINALIZAR A NINGUÉN, SENÓN DE QUE O QUE ESTAMOS FACENDO MAL, INTENTAR FACELO MELLOR"
Para Rogelio ver como o mar se atopa nunha situación agónica e como se fan moi poucas cousas por mellorala, é unha tristura difícil de explicar. "Eu aparte de traballar no mar, vivo aquí, a carón del, e vexo as obras de instalación de sumidoiros que se fan, e vexo o que sucede coas depuradoras, e como cada vez que chove os encoros abren as comportas e botan todo directamente ao mar... E tamén vexo que isto non é algo puntual, senón que é o pan de cada día, de cada semana, de cada mes, de cada ano...", lamenta. Así mesmo, chama a atención sobre a maneira de comportarse que teñen os propios cidadáns, cando tiran toalliñas polo váter ou cando botan plásticos ao chan ou directamente ao mar. "Todo o plástico que vemos nas praias, sobre todo despois dos temporais, é consecuencia dunha maneira de comportarse da xente en canto a moitas outras cousas e, aínda que evidentemente hai moita xente cívica, a suma de todos os comportamentos negativos ten un efecto sobre o medio ambiente e sobre o mar", advirte, alertando tamén de que "os plásticos son elementos moi visuais, pero tamén hai cousas como restos de pintura que unha persoa tira polo váter ou químicos que bota unha industria que van dar ao mar e que non son tan evidentes, pero están aí e causan dano".
E, cando as cousas se fan evidentes, tratan de ocultarse para que non o sexan, pero non remedialas. Neste senso, Rogelio denuncia que "durante moitos anos houbo emisarios que estaban á vista de todo o mundo e que, aparte de causar un efecto negativo sobre o mar, daban unha imaxe moi negativa á poboación e ao turismo, contando co rexeitamento tanto da xente do mar como da comunidade científica". Ante as protestas, que se fixo? "Dende as administracións o que fixeron foi tapalos da vista, botándolles formigón por enriba e construíndo paseos marítimos, de maneira que os emisarios quedaban por debaixo e xa non se vían aínda que continuasen estando alí e vertendo ao mar". Chegados a este punto, o divulgador explica que "tampouco se trata de criminalizar a ninguén, pero si de que sexamos conscientes das cousas, porque ao final o marisco non son só postos de traballo para os mariñeiros, senón que se trata dun alimento que chega das lonxas, dos restaurantes, das peixarías...". Por iso, chama a que "o que agora estamos facendo mal, se intente facer mellor: non podemos escudarnos en que plásticos, sumidoiros ou minaría sempre houbo, senón que debemos mirar como cambiar as nosas prácticas como sociedade".
"NON VAI DEIXAR DE HABER PEIXE, PERO SI PODE DEIXAR DE SER UNHA SEÑA DE IDENTIDADE DE GALICIA"
E é que a cruda realidade a día de hoxe é que "a facturación pesqueira baixa, as descargas nas lonxas baixan, os prezos descenden moito, non queda nin a metade da frota nin a metade de traballadores que había no mar e as lonxas e confrarías están pechando as portas", denuncia Rogelio, que lamenta que se estea perdendo "a forma de vida de Galicia". "O peixe non vai desaparecer do mar, non vai deixar de haber peixe, pero si pode deixar de ser unha seña de identidade de Galicia, coa perda de moitos postos de traballo e do prestixio e recoñecemento a nivel mundial que tiña a súa calidade", advirte. Así as cousas, chegados a este punto, o divulgador afirma que "todo o que se traballe por intentar reverter a situación nun momento no que o mar está débil é fundamental: dende a industria, dende a Xunta, dende os propios mariñeiros, dende a sociedade, dende os colectivos ecoloxistas... Xa sexa con limpezas, xa sexa sendo máis estritos con respecto á depuración das augas industriais ou fecais, xa sexa no tocante á existencia de prácticas minerais e industriais máis respectuosas co medio ambiente...".
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Que pasa no mar? Ducias de crías de polbo achadas mortas nunha praia de Porto do Son
- Rueda sobre Altri: "Se o BNG tivera gañado as eleccións este sería o seu proxecto estrela"
- O BNG cre que o proxecto de Altri será autorizado tras o informe de Augas
- Condenado a tres meses o presidente dos comuneiros de Cabral por facer un galpón ao carón do río Lagares, en Vigo
- Convocadas protestas en varios concellos este domingo pra denunciar o "espolio enerxético" da Xunta
- Impugnan a tramitación da mina de Touro por irregularidades na consulta do expediente