Por E.P. | A CORUÑA | 22/02/2021 | Actualizada ás 18:01
A Xunta de Galicia contratará de "maneira inminente" a redacción do plan director do Parque do Pasatempo, en Betanzos, que "sentará as bases" das actuacións necesarias para garantir a conservación e posta en valor deste Ben de Interese Cultural (BIC).` Así o informou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita a igrexa de San Francisco, na que o Goberno galego investiu case 350.000 euros para a súa restauración.
Durante a súa visita, o responsable de Cultura, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, apelou ao "firme compromiso" da Administración autonómica co Parque do Pasatempo e co Concello de Betanzos.
En concreto, a Xunta de Galicia iniciará nas próximas semanas o proceso de licitación para a redacción deste plan director. "Trátase dun proceso de elaboración complexo porque o obxectivo é que este sexa un documento amplo que responda ao que o Pasatempo demanda, así como á complexidade das actuacións que é preciso executar e á magnitude e importancia deste ben patrimonial", puntualizou o conselleiro.
Román Rodríguez realizou estas manifestacións coincidindo coa visita á igrexa de San Francisco, onde as actuacións desenvolvidas no último semestre pola Consellería de Cultura, estiveron centradas, fundamentalmente, na mellora do illamento do convento-igrexa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.