Unha urxente axenda reformista para o PSdeG

A Guerra das dúas Rosas que enfrontou durante máis de 30 anos os partidarios da Casa de Lancaster contra os da Casa de York a mediados do século XV, podería servir como bo símil explicativo do que ten acontecido no PSdeG dende o ano 2009, data que marcou o inicio da decadencia da socialdemocracia primeiro en Galicia, e logo en España.

Por Iván Vaqueiro | Porriño | 16/08/2013

Comparte esta noticia
Como se dunha colosal e romántica batalla medieval se tratase, dúas faccións provenientes da elite orgánica que viña de perder as eleccións, tras o “axustizamento político” de Emilio Pérez Touriño, adicáronse a unha guerra de desgaste interna que comezou coa chegada de Pachi Vázquez á secretaría xeral do partido e co intento da outra parte da elite de utilízalo como  líder provisional do partido, mentres acumulaban novamente poder interno. Dous bandos ós que shakespirianamente non necesitamos por nomes, pero que nestes 5 anos, destilaron un drama que foi peneirando nomes propios de actores principais e secundarios que estenderon o conflito dende a esfera local, á provincial e por último a galega nunha guerra sen cuartel que desembocou tras varias noites de “coitelos longos”, “Idus de Marzo” e “venres trece” locais e provinciais, nunha auténtica sangría política que enviou ó PSdeG ó peor resultados en moitos anos e a un proceso de primarias alomenos “tropical” precociñado en microondas, que lle explotaron ó propio Pachi Vázquez e nas que el mesmo rematou por afogar na súa propia trampa, tras a “tocata e fuga” de Fran Caamaño. 
 
Con Jose Blanco en fora de xogo “provisionalmente”, e toda vez que se confirma que tan só os precandidatos Xose Ramón Gómez Besteiro e Manel Vázquez foron quen de conquerir os avais necesarios para presentar a súa candidatura ó proceso de “consulta” interna, parece claro que o que finalmente acade a partir do mes de Setembro, tra-lo seu congreso extraordinario, a dirección política do PSdeG, asumirá a dirección dun partido á deriva. Máis alá do proceso de primarias, descafeinadas e con escasa e case nula posibilidade de presentar candidatura para os afiliados/as que non gozasen de posición orgánicas máis ou menos fortes (secretarios provinciais, alcaldes, etc…), o certo é que o PSdeG parece pechar unha fase de loitas intestinas onde a emerxencia dun novo liderado terá por diante, tan só o mascarón dun navío que fai augas por todas partes e unha posición certamente complexa nun contexto socio político onde a socialdemocracia ten que moverse entre os extremismos conservadores e antisistema aportando unha axenda reformista que equilibre o desenvolvemento económico co progreso social, e no caso do PSdeG, conxugándoo cun proxecto netamente galeguista e que asuma a identidade galega aloxando o navío dos portos do “sucursalismo” pero sen caer no xogo do nacionalismo. Difícil papeleta.
 
Pero está claro que o que se lle pide ó futuro secretario xeral do PSdeG, e que asuma canto antes a necesidade dunha urxentísima axenda reformista no PSdeG. Só un conxunto ben estruturado de reformas internas, claras, e en consonancia cos tempos e coa sociedade galega, devolverán a credibilidade perdida do PSdeG. 
 
Par elo é necesario dialogar internamente e asumir este paquete de reformas como un “pacto social” interno que permita decidir as nosas novas normas, consensualas e ratificalas entre todos, para, deste xeito, devolver ós mecanismos internos do partido a súa función real. Un partido non pode presumir de democrático se non se respetan os seus estatutos ou os seus órganos centrais, como é o caso do Comité Nacional Galego do PSdeG ou os Congresos Ordinarios, son “paripés orgánicos” sen capacidade real de decisión. 
 
Velaí o primeiro grande desafío interno: reformar as estrutura participativas para devolver a confianza ós seus militantes e votantes de que a súa participación conta máis alá da pegada de carteis nas noites electorais. En segundo lugar, o PSdeG debe reformular o seu discurso en chave netamente galega, un galeguismo cosmopolita que sen renunciar a súa perspectiva federalista e europeísta teña clara a súa aposta pola cultura galega e a nosa identidade como país. Galiza como tarefa non é só un slogan, é unha maneira de entender o país, achegándose á súa cultura, a súa lingua, a súa intelectualidade, literatura, creatividade… Asumir unha esfera de pensamento comunitarista sen perder de vista a defensa dos intereses básicos da sociedade dende unha perspectiva socialista e democrática para crear un PSdeG que sexa realmente unha ferramenta de transformación social, non un vehículo de ascensión social para unha burguesía orgánica. É precisamente nesta esfera, a de pensamento político, onde o PSdeG ten máis que camiñar para recuperar a posición preponderante e de autoridade política que tivo ata a chegada a Xunta de Galicia, cando se albiscaba un partido máis fresco e cercano a Galicia. Un partido máis identificado con Galiza non é aquel que se adica a atacar a Madrid para auto xustificarse, senón o que é quen de atopar as mellores solucións ós problemas de Galiza.
 
E por último, esta axenda reformista debe asumir a pluralidade da sociedade galega, de todos os seus sectores, e recuperar a profesión da política como ferramenta ó servizo da sociedade. Unha sociedade galega que o PSdeG ten que aprender a ver coa óptica de Tocqueville, inzada de colectivos, de persoas que dende perspectivas sectoriais, defenden, aman e promoven este país. Un PSdeG que ten que albiscar abrirse á sociedade é algo máis que reunirse cun sindicato ou unha comisión de afectados. Galiza é é unha confraría de pescadores, é un autónomo, é un grupo de teatro, é unha asociación de empresarios, é un traballador do metal, é un grupo de cantareiras, un festival de cine. É unha identidade colectiva voluntaria onde todos decidimos vivir e convivir. Mentres o PSdeG non asuma esta realidade, sen extremismos dun cariz ou doutro, non afrontará o seu destino na realidade galega: o de ser, como na historia da nosa autonomía, o vehículo de cambio e modernización para milleiros e milleiras de galegos e galegas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Iván Vaqueiro Nicolás Iván Vaqueiro Gradín (O Porriño, 1977). Politólogo e Consultor, dirixe unha empresa de consultoría empresarial Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC É Diploma de Estudos Avanzados (DEA) de Doutoramento na Facultade de Ciencias Políticas e da Administración da USC no programa "Procesos Políticos Contemporáneos" Master en Dereito Urbanístico e Medioambiental pola Universidad de Vigo. Colaborador de varios medios de prensa e revistas galegas www.ivanvaqueiro.blogspot.com @ivanvaqueiro