Por Xosé M. Eyré | Vigo | 17/08/2013 | Actualizada ás 11:32
Título: Ata o corazón da mazá
Editorial: Espiral Maior
Que significa, pois, ser muller? En Ata o corazón da mazá Marisol Gándara trata de responder ese interrogante, no camiño de cocerse mellor, no camiño de que as mulleres se coñezan mellor. Engadindo algo fundamental, é poeta e, polo tanto, cómpre preguntarse que significa ser muller e poeta?.
Non se agarden respostas definitivas. Porque esas respostas son en boa parte individuais, tenas que atopar unha mesma.
Este Ata o corazón da mazá, poemario vencedor no XXV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé , está estruturado en seis núcleos poéticos encabezados por unha carta dirixida a Eva, a primeira muller, antecedido todos por un poema a modo de presentación, onde se reclama a voz poética como herdeira de Eva e ofrece os seus restos( versos) a cada lector que abra o libro e viaxe polos seus poros, quizá, a escrita e a lectura sexan a única liberdade non coartada. Nótese, pois, como a preocupación metapoética está presente desde o mesmo comezo.
As cartas están escritas en prosa, nunha prosa, evidentemente, de grade contido poético. E na primeira, logo de desmentir que fora Eva quen ofreceu a mazá, realiza unha chamada/recoñecemento á/da prudencia. Para logo identificarse como un continente desesperado, de tanto envolverse nalgo alleo baleirouse por dentro, un continente desesperado e adestrado para a dolor, criticando o sometemento aos modelos impostos, modelos impostos que precisamente negan a muller detrás dos enfeites e as mentiras da historia, até convertela nunha muller prohibida, nun manequín, precioso mais sen vida, que esqueceu toda sensatez e razón.
A segunda carta ergue a voz e berro en nome de todas mulleres e dela propia, sempre pratos suculentos para crápulas trasnoitados. Emporiso non renega da voluptuosidade senón todo o contrario, procúrase o contacto físico como acto transcendente que axude a muller a recoñecerse no limar de cada orificio ou a rentes de todos os precipicios, deixándose levar até o soño aínda que sexa un soño onde non están os mortos, cando todo fica devorado.
Na terceira recoñécese membro dunha sociedade (capitalista) que deu como consecuencia mulleres inxuriadas para satisfacer un mercado de lexitimidade cando menos dubidosa. Nela debe aprender a sobrevivir, a aprender a base de éxitos e fracasos. No caso da poeta, esta séntese inmunizada contra as palabras, cando a verdade se desampara e o verso é torniquete. Tendo en conta que, tantas veces, a muller debe aprender desde o sexo, a poder de sexo, porén recoñece que terán que loitar contra seres moi grandes. Cómpre salientar que a dimensión metapoética se introduce con toda naturalidade, debúllase en toda lóxica e nunca aparece forzado. Un exemplo:
Dicían que nada bo sairía daquel exceso
pero o verso
hai tempo que perdeu a medida,
porque ao contrario do pasado
o poema hoxe sabe que sempre quedan disfraces por lavar. (29)
Na cuarta carta rexeita o paraíso porque quere degustar todos os froitos. Os froitos que lle permita esta vida, esta vida que é escola de agravios en todas as idades. Esta vida que esixe non estar instalad* na xenreira para poder convivir. Esta vida na que aconsella “mudar a dirección da ira polo privilexio de ser racional” (33), e na que hai que transformar a loita en existencia ( curioso, porque abonda quen diga o contrario). NO apartado metapóetico, é consciente de que o poema é para a palabra un orgasmo.
Na quita carta pregúntase porque segue escribindo, quizá como xogo se desaprender? E no bloque temático, no longo poema que sucede á carta, coma sempre, reflexiona sobre o baleiro da realidade, o coñecemento anónimo, e
nas frase só vexo versos
e na vida
despois de tódalas teorías maniqueas,
tras tódalas prácticas erradas
só queda a poética (36)
invocando, máis unha vez, que a muller non se someta ao modelo, que sempre é un modelo destrutor, recoñecendo que a ela, como poeta e como muller, lle encanta incumprir as teorías que a condenaban ao silencio,aínda recoñecendo que escribir/vivir con palabras/realidades sempre é escribir/vivir con realidades que mancan.
E a carta que dá remate, leva despois un poema bastante máis breve que os anteriores, no que lle agradece a Eva que rexeitara a ignorancia do corpo para dese xeito acadar o paraíso da pel. Sendo consciente de que as cousa só mudarán cando nas xeracións vindeiras agrome unha nova conciencia, esa que debemos sementar hoxe.
Eis unha poesía de ritmo nada forzado, de versos ou continentes que non se someten a ningunha regra senón á de si mesmos, de discursividade notábel e onde a preocupación metapoética sempre está presente, versos que contemplan unha clara conciencia de ser muller, muller e poeta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.