Esencial para o noso futuro é por en valor o noso sistema portuario. Porque, a dous anos da apertura da nova Canle de Panamá, Galicia pode ser un grande hub para as mercadorías europeas. Compre asumirmos plenas competencias normativas, tarifarias e de xestión. O mesmo ca no aeroportos, onde precisamos rachar a ineficiencia de AENA e construirmos un sistema aeroportuario galego autónomo e descentralizado, que atenda basicamente á promoción dun turismo intenso, mais de calidade contrastada.
Na promoción dos nosos principais sectores económicos, compre unha fonda reforma da ordenación territorial e a potenciación do crédito e das políticas de inovación para reestruturar e relanzar os nosos sectores estratéxicos : enerxético, mar-industria e construción naval, monte-industria, producións agroalimentaria de calidade, tecnoloxías da información e comunicación, industrias audiovisuais...A reapertura do crédito empresarial pasaría, dende logo, pola subsistencia como marca e estrutura propia de Nova Galicia Banco, mais esixirá, asemade, unha potente Axencia financeira pública. E a aposta do I máis D máis i é fulcral: Galicia non pode permitir que os recurtes anulen a capacidade de xeración de conhecemento e riqueza da súa Universidade e da súa industria.
É evidente que estes reptos precisan da operatividade dun autogoberno moito máis amplo. No proceso constituínte que, máis cedo ca tarde, se vai abrir no Estado, Galicia ha decidir ser moito máis autónoma e gobernar o seu propio futuro. Non hai outro xeito para enfrontarmos estes reptos e sobrevivir neste mundo tan complexo, porque a dependencia demostrou abondo onde nos leva.