Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2021 | Actualizada ás 11:19
As entidades galegas de Parálise cerebral e outras discapacidades afíns, que son atendidas en centros de día, ocupacionais e educativos, pediron a vacinación prioritaria do colectivo para garantir a súa seguridade.
Así o reclama nun comunicado remitido aos medios a Federación Aspace Galicia, que sinala que a estratexia nacional de vacinación fronte á COVID-19 presenta "riscos" para estas persoas xa que, a pesar de que si establece a inmunización prioritaria daquelas que viven en residencias, non contempla a aquelas que non residen neste tipo de centros.
A federación, que lembra a condición de "pluridiscapacidade" que presentan as persoas con parálise cerebral, esixe a inmunización urxente dos afectados que son atendidos en centros de día, ocupacionais, centros e servizos de emprego, centros de educación especial, de habilitación funcional, atención domiciliaria, atención temperá e outros servizos.
Así mesmo, lembran que a "a gran maioría das persoas con parálise cerebral necesitan apoio de terceiras persoas para desenvolver actividades básicas da vida diaria". "Este apoio, de forma habitual, é ofrecido polas propias familias", sinala a entidade, que pide que estas sexan tamén prioritarias na inmunización.
Aspace tamén pide unha "maior coordinación entre a administración sanitaria e os servizos sociais nos procesos de vacinación, ademais de incluír ás entidades que atenden á parálise cerebral na definición da estratexia e a súa implementación a nivel local".
"Hai que proceder á vacinación das persoas con parálise cerebral e outras discapacidades afíns con carácter preferente, definindo unha estratexia de vacinación para elas diferenciada da establecida para o colectivo de maiores, xa que os servizos que reciben, a súa contorna familiar, convivientes e coidadores, situaciónpersonal, etc., difiren en gran medida", apunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.