Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2021 | Actualizada ás 14:35
A Xunta comunicou a resolución pola que denega a aprobación do proxecto para a reapertura da mina de cobre entre os municipios coruñeses de Touro e O Pino.
Deste xeito, a resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais --dependente da Consellería de Economía-- pon fin ao proxecto ao dar continuidade á declaración de impacto ambiental desfavorable emitida en xaneiro de 2020 pola Consellería de Medio Ambiente.
Esta resolución foi notificada á empresa, Cobre San Rafael SL. Así, a Xunta remarca que calquera iniciativa mineira debe contar con "todas as garantías técnicas, ambientais e urbanísticas, e todos os requirimentos que marca a lexislación".
Ademais, esta resolución da Xefatura Territorial tamén rexeita a aprobación do plan de restauración presentado para esta actividade mineira, xa que, entre outros motivos, corresponde a un proxecto de explotación rexeitado. Está previsto remitir nos próximos días un segundo requirimento á empresa para solicitar a actualización deste plan de restauración.
FALTA DE "SUSTENTABILIDADE AMBIENTAL"
Na declaración de impacto ambiental negativa emitida pola Consellería de Medio Ambiente en xaneiro de 2020, apuntábase a que "non se garantía a sustentabilidade ambiental".
Así, había dous informes técnicos "desfavorables" e "insalvables" de Patrimonio Natural e de Augas de Galicia. Entre outras cuestións, apuntaba á afectación do proxecto mineiro na "calidade das augas" dos municipios do Pino e Touro, á vez que "se hai un desastre" non se garante a protección dunha zona de especial conservación (ZEC).
E é que un estudo solicitado a Augas de Galicia conclúe que a actividade mineira aumentaría a presión hídrica sobre as augas da contorna, co consecuente risco para un estado ecolóxico óptimo.
PROXECTO POLÉMICO
O proxecto para a reapertura da mina de Touro atopouse con forte rexeitamento social desde os seus comezos, coa posta en marcha dunha activa plataforma veciñal, unido a múltiples mobilizacións na comarca.
Hai uns anos a Xunta tamén denegou outro polémico macroproyecto mineiro ao descuberto, o de Corcoesto, no municipio de Cabana de Bergantiños, aínda que naquel caso foi por razóns financeiras e técnicas.
Atalaia Mining (que cotiza en bolsa en Londres e cuxos socios de referencia son un grupo chinés e outro con sede en Suíza) e Explotaciones Gallegas (propietaria do terreo, que extrae áridos e á que a Xunta abriu varios expedientes) son as compañías promotoras de Cobre San Rafael, que impulsa a explotación dunhas 700 hectáreas de superficie.
En maio de 2017, presentouse ante a Consellería de Industria o proxecto, mentres en outubro de 2018 comezou o procedemento ambiental, que concluíu en 2019 cunha valoración negativa. Na exposición pública a Xunta recibiu unhas 1.200 alegacións.
A compañía Cobre San Rafael cifrou en 7,5 millóns de euros o investimento realizado ata o termo de 2019 para a reapertura, con anos nos que se realizaron centenares de prospeccións. O obxectivo era investir uns 200 millóns en 15 anos, coa creación duns 400 empregos directos, segundo estimacións da empresa.
En cambio, colectivos ecoloxistas denunciaron nas xulgado filtracións de auga da antiga explotación mineira que funcionou na localidade coruñesa ata finais da década dos 80 e na que se asentaba, en parte, o proxecto agora denegado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.