Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/03/2021 | Actualizada ás 18:58
Galicia rexistrou dous falecementos por afogamento en espazos acuáticos en febreiro e representou a terceira comunidade cun maior número de mortes por esta causa neste período, segundo o Informe Nacional de Afogamentos da Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo.
Un total de 14 persoas perderon a vida por afogamento non intencional en espazos acuáticos no Estado durante febreiro, catro máis que no mesmo mes do ano anterior. Este dato representa o peor do segundo mes do ano desde 2017, cando se contabilizaron 17 falecementos por esta causa, e o terceiro con máis mortes tras ese exercicio e 2016, un período no que houbo 20 óbitos por afogamento.
Por comunidades, a maior parte dos falecementos que tiveron lugar en febreiro rexistráronse en Andalucía, que sumou cinco; Canarias, que contabilizou catro; e Galicia, con dous. Mentres, unha persoa perdeu a vida en Castela e León, outra en Melilla e unha terceira na Comunidade Valenciana
Nos dous primeiros meses do ano faleceron afogadas 24 persoas fronte ás 31 mortes rexistradas en xaneiro e febreiro de 2020. Nese período, Andalucía sumou oito mortes, o 33,3% do total, e Canarias, seis, o que representou o 25% e investiu a tendencia dos últimos anos, cando as illas sumaran máis falecementos por esta causa.
En xaneiro, Estremadura rexistrou catro mortes por afogamento, a maior cifra do mes, que mantén en febreiro. Pola súa banda, no que vai de ano, Castela e León e Galicia contabilizaron dous afogamentos cada unha, mentres que Comunidade Valenciana e Melilla sumaron o rexistrado o mes pasado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.