As loitas laborais das mulleres na historia de Galicia: das cigarreiras da Coruña ás matronas de Verín

Camiño dun novo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, GC pousa os ollos sobre cinco fitos nas protestas de traballadoras contra peches de empresas e precarias condicións laborais. Dende 1857 ata a actualidade.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A historia recente de Galicia está atravesada por intensas protestas laborais encabezadas por mulleres. As redeiras, as traballadoras do mar, as conserveiras, as teleoperadoras, as 'enfermeiras en loita', as matronas, as traballadoras de axuda no fogar, as tendeiras de Inditex... téñense levantado e séguense levantando dos seus postos de traballo para reivindicar un mundo laboral onde a precariedade non teña faciana de muller. O movemento que se foi tecendo en torno ao 8 de Marzo ergueu a folga como un valioso instrumento para as reivindicacións das mulleres, e por iso, percorremos nas seguintes liñas cinco fitos das loitas laborais femininas. Loitas que en moitos casos foron dobres: contra a propia precariedade e contra o machismo dos compañeiros de traballo; pero loitas, en definitiva, das que somos fillas.

Á esquerda, cigarreiras traballando na fábrica de Tabacos da Coruña. Á dereita, matronas e nais protestan contra o peche do paridoiro de Verín (Fonte: EP).
Á esquerda, cigarreiras traballando na fábrica de Tabacos da Coruña. Á dereita, matronas e nais protestan contra o peche do paridoiro de Verín (Fonte: EP).

1857: MOTÍN DAS CIGARREIRAS NA CORUÑA 

É das primeiras, se non a primeira, greve de mulleres en Galicia. Naquel tempo, as cigarreiras formaban o maior colectivo obreiro do país en torno a unha mesma fábrica, a de Tabacos da Coruña. "Todas las cigarreras / van al Portillo / la que non vai en cinta / leva o chiquillo", rezaba unha cantiga popular recollida en Mesía (A Coruña). Así, embarazadas ou coa crianza en brazos, varios miles de mulleres traballaban a destallo, sen salario fixo, durante toda a súa vida e ata que o corpo lles aguantara. Non había nin vacacións nin xubilación e cobraban por cada cigarro elaborado. Eran rápidas. Coma máquinas. "Xa no 1831 provocaron un motín importante", antesala da gran revolta do 57, relata a historiadora Ana Romero Masiá. Daquela, un inspector de labores paseaba entre as grandes mesas de traballo - ranchos se chamaban - para valorar a calidade dos cigarros feitos polas mans hábiles daquelas mulleres: "rompía un á metade e se non lle gustaba tiraba con toda a caixa que levaban preparada". Aquela maneira de proceder facía remexer as traballadoras nas cadeiras, que empezaron a alzar a voz polos seus dereitos laborais. 

Será case catro décadas máis tarde cando aquela revolta estoupe de forma definitiva. "A compañía arrendataria introduce maquinaria e as mulleres posicionónanse en contra, tiñan os seus movementos automatizados e aprender a traballar con elas supoñíalles perdas de diñeiro", explica Romero. Tal día coma un luns, ás once da mañá, as varias miles de cigarreiras da Coruña abandonan os seus postos de traballo e bótanse contra aquelas máquinas recén chegadas que ameazan o seu xornal: destrúenas, tíranas polas fiestras e sóbense ao tellado con pedras para defenderse da garda municipal que viña parar aquel motín.  Unha intensa loita, enmarcada dentro do característico movemento ludista daquela época, que acaba cun "expediente gordo" -"máis de 200 mulleres foron chamadas a testificar e moitas quedaron detidas durante varios días" -, pero que pasou á historia polo valor mostrado por aquelas traballadoras, protagonistas dun dos maiores fitos da loita obreira galega. 

1989: PECHE DE CEN CONSERVEIRAS NA FÁBRICA DE ODOSA

Un repaso polos fitos das protestas laborais das mulleres en Galicia quedaría incompleto se as loitas das conserveiras que plantaron cara á precariedade dos seus traballos non aparecesen. Máis de 100 anos despois daquela primeira greve das cigarreirras en Galicia, os azos de loita sopraron con forza noutra punta do país: a Illa de Arousa. Nun caloroso agosto que xa petaba na porta dos anos 90, un cento de mulleres, catro delas en folga de fame, pecháronse na fábrica de conservas de Odosa como protesta contra o seu peche inminente e o despedimento indiscriminado da maioría delas. Naquel momento, nin sequera había constancia nos rexistros documentais de que aquelas mulleres levasen ata 30 e 40 anos alí empregadas. Concibíanse os seus salarios, gañados a pulso tamén durante sábados e domingos, coma un mero complemento das familias. Non estaban aseguradas nin tiñan baixa de maternidade.  "Vós a botar o polvo e nós a pagalo", recriminábanlles os patróns cando quedaban embarazadas. 

"Encheron o bolsillo todo cando puideron e agora que o teñen cheo lárgannos a todas para fóra, mozas, vellas e todo o que sexa. [...] Viviamos máis aquí dentro desta fábrica que nas nosas propias casas, aquí coméronnos toda a nosa suor [...] Teñen os fillos nas carreiras grazas á nós". Así falaba unha das traballadoras durante aquel peche que elas mesmas rexistraron cunha cámara de vídeo. Con base neses valiosos documentos gráficos, Uqui Permui compuxo no ano 2010 o documental "Doli, Doli, Doli... Coas conserveiras" [enlace ao documental completo], que recolle a historia desta loita a través dos relatos das súas protagonistas. Nel contan como os seus propios maridos lles esixían que abandonaran aquel encerro para atender as tarefas domésticas e o coidado das familias. "Era loitar contra todos. Houbo que facer grupos para que as mulleres puideran ir á casa preparar a comida e atender os fillos, senón aquilo era unha guerra cos homes, xa non co empresario", relata unha delas no documental.

O conflito foi longo no tempo e resoou en toda a illa, que chegou a paralizarse por completo nunha greve xeral apoiada pola veciñanza e encabezada polas conserveiras ao berro de "queremos traballar e non roubar" e "traballo para todas e non para vinte". Despois de 15 días de folga de fame das catro compañeiras, as mulleres trasladaron a súa protesta fisicamente tamén a Compostela, onde durmiron unha noite enteira na praza do Obradoiro para facerse escoitar ante o presidente da Xunta naquel momento, González Laxe, coa intención de organizar unha cooperativa dirixida por elas mesmas. Aínda hoxe, as loitas laborais das mulleres da industria conserveira en concreto e do mar en xeral seguen o ronsel desta revolta que habita na memoria colectiva de todo o país. 

2006: PROTESTA DAS MARISCADORAS DA RÍA DO BURGO

Quedamos no mar pero volvemos agora a terras coruñesas. Andamos outros 17 anos cara adiante na liña do tempo e situámonos ante un dos fitos dentro da loita histórica das mariscadoras galegas. Corría o ano 2006 cando un grupo dunhas 150 traballadoras da ría de Burgo lle botou coraxe e decidiu cortar por completo a Ponte Pasaxe da Coruña en hora punta para demandar á administración un plan de recuperación e saneamento integral da ría, a erradicación do furtivismo e melloras nas condicións de traballo. "Nós queriamos evitar aqueles cortes pero non nos quedaba outro camiño. As colas de tráfico chegaban ata Sada! Recibimos moitísima presión social e mediática", bota a vista atrás Teresa Ramiro, mariscadora no Burgo desde os anos 90. 

Despois de meses e meses de loita "moi dura" e de acabar algunhas xornadas mesmo no cuartel da Garda Civil de Oleiros, as mariscadoras conseguiron que se lles aprobase unha adenda, prorrogada unha vez, pola que se lles aseguraban uns ingresos mensuais e a excensión das cotas de autónomos mentres durase. "Como mulleres e loitadoras, a que máis e a que menos tiña que levar o pan para a casa e aquela protesta significou moitísimas posibilidades para nós", reivindica Teresa. Non sen constantes paus nas rodas. A loita era dupla, igual cá das conserveiras de Odosa: "unha profesional e outra machista". "O colectivo de marisqueo a frote, dominado por homes, ríase e burlábase de nós. 'Unhas cantas mulleres..., ides facer o tonto', dicían. Pero cando conseguimos o convenio, aí si que pelexaron eles por conseguir o seu". Ademais, como mariscadoras que tamén traballaban parte do ano como tendeiras ou limpadoras, "corrías o risco de perder esoutro traballo co que compensabas o pouco que gañabas na ría", relata Teresa. "Foi moi duro. Expoñíaste moito".

Por desgraza, neste caso tampouco pode falarse en pasado. Hoxe, e coma sempre, a chama da reivindicación segue viva nas mulleres do mar. Non queda outra. "A nosa situación clama ao ceo. Agora só quedamos unhas trinta persoas, non temos nin sequera lonxa, temos un chamizo, non temos auga, nin luz, nin un servizo. Se queres mexar falo nun caldeiro. As condicións son deprimentes", remata Teresa antes de volver ao mar.

2017: GREVE DAS TRABALLADORAS DE INDITEX EN PONTEVEDRA

E do salitre á costura. "Traballamos en Inditex e non chegamos a fin de mes!". Era o que berraban as traballadoras galegas de Bershka en Pontevedra que fixeron historia coa primeira greve do Estado no universo textil de Amancio Ortega no ano 2017. As cinco tendas da provincia quedaron totalmente paralizadas durante nove días como medida de presión para reivindicar melloras laborais ata igualarse en condicións coas empregadas da Coruña. O 90% delas estaban contratadas a tempo parcial e o soldo non rebasaba os 900 euros mensuais brutos, uns 130 euros menos que as compañeiras da provincia de Amancio Ortega. A secretaria nacional da GIC-Servizos involucrada na loita, Transi Fernández, lembra aqueles días con orgullo: "Foi un antes e un despois. Cada vez negociabamos con cargos máis importantes e finalmente conseguimos o que reivindicabamos, xa non só para Pontevedra, senón tamén para Lugo e Ourense. Fixemos que a empresa movese ficha e gañamos moitas posicións". 

A protesta, impulsada totalmente por mulleres, batía coas dificultades da conciliación familiar e laboral. "Era curioso vernos a todas con bebés e críos dun lado para outro... Pero por experiencia sei que as mulleres nos conflitos laborais temos moito arroxo e moito aguante". Avanzaron décadas respecto das loitas das conserveiras e das mariscadoras que tiñan que facer fronte aos comentarios machistas dos seus compañeiros homes, pero neste caso, a historia vén sendo a mesma. Só aparece unha novidade, Internet entra na ecuación: "Sentimos discriminacións en todos os sentidos. Nas redes insultábannos con comentarios como 'eres rubia pero no parecías tan tonta', e dicíannos que denegabamos a man que nos daba de comer, a dese home tan bo... Internamente tamén notabas preocupación: 'A ver como van saír estas deste tema...', 'Botámosvos unha man...?'. Pois non. Nós empezamos e nós rematamos", zanxaban elas. E remataron ben. A súa protesta traspasou as fronteiras galegas, chegou ata Nueva York e foi obxecto de análise en diversos traballos académicos. Aínda hoxe, con peches de tendas enriba da mesa e retrocesos de dereitos a costa da pandemia, as traballadoras seguen a estela deste fito.

2019: LOITA FEMINISTA CONTRA O PECHE DO PARIDOIRO DE VERÍN

Esta historia remata, polo de agora, nunha recente protesta que segue rexurdindo na actualidade a conta do xinecólogo expedientado polo Sergas, Javier Castrillo. Esta reivindicación contra o peche do paridoiro situou os coidados no centro do debate, precisamente unha das reivindicacións máis soadas nos últimos 8M. A comarca de Verín, e máis concretamente o seu paridoiro, púxose no mapa desde o 22 de novembro do 2019 cando a Xunta de Galicia informou publicamente do peche do servizo que se faría efectivo días máis tarde. Esta decisión, que a presión social evitou finalmente que se consumase, deu conta do abandono da administración á sanidade comarcal e do rural. Matronas, profesionais da xinecoloxía, nais e organizacións feministas e pola sanidade pública volcáronse nesta revindicación que tocaba de cheo a colectivos profesionais feminizados, nais e crianzas, pero da que tamén participaron compañeiros homes. Unha loita que deixou encerros de protesta no propio hospital e masivas manifestacións ao berro de "o parto é noso".

Belén, matrona do hospital que hoxe mantén orgulloso as súas portas abertas, recorda con emoción aqueles intensos meses dos que hai pouco se cumpriu un ano. "Pasamos do anonimato a estar en todas as partes. O movemento feminista deu moitísima forza e fixo correr a protesta como a pólvora", agradece. "Profesionalmente foi moi duro. O peche supoñería para algunhas a reubicación e para outras volver ás listas de contratación do Sergas e estar pendentes do teléfono. Nunca é agradable que pechen o servizo onde traballas, e menos polo motivo que alegaron: que as profesionais non tiñamos pericia e o hospital non cumpría criterios de calidade e seguridade". Lonxe diso, dende a súa reapertura e nun só ano, máis de 100 bebés naceron nese paridoiro, no seo dun lugar que xa é símbolo das loitas laborais, sociais e feministas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta