Por Galicia Confidencial | A Coruña | 04/03/2021 | Actualizada ás 18:39
O Consello da Xunta deu este xoves o visto e prace ao proxecto de acordo polo que a empresa pública de Servizos Galegos (Seaga) sexa a encargada de executar tamén este ano o programa galego de vixilancia e control fronte á vespa velutina para a súa erradicación en colaboración cos concellos. O orzamento da encomenda para este ano ascende a 1,7 millóns de euros destinados á execución dos traballos.
En total, ata o momento 300 municipios galegos, o 96% do total, confirmaron a súa adhesiónao Plan de loita contra esta especie acordado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Deles, 285 concellos xa se uniran o ano pasado e os 15
restantes amosaron a súa disposición para sumarse neste exercicio.
No marco deste programa, a Xunta actuou en 2020 en 285 concellos e o operativo de Seaga encargado da encomenda retirou 16.700 niños: 8.640 deles na provincia da Coruña, máis de 2.000 na de Lugo, máis de 1.300 en Ourense e case 5.000 na de Pontevedra.
A Xunta potenciará tamén o portal da internet “Eido local” como canle de
comunicación permanente coas entidades locais de Galicia para dar información actualizada
sobre as actuacións, así como a información relativa á xestión de todos os avisos de niños
de vespa velutina recibidos polo 012 respecto do seu ámbito territorial.
Pola súa parte, os concellos que se adhiran a este programa asumirán o compromiso de
coordinarse coa Xunta na retirada de niños de forma que os concellos, por requirimento da
Administración autonómica, prestarán a súa colaboración realizando as actuacións
necesarias para simplificar e facilitar os labores de retirada e eliminación de niños de vespa
velutina.
Tamén está previsto neste programa a actuación dos servizos de emerxencias cando se
trate de niños de velutinas tipificados como de risco no Centro de Atención ás Emerxencias
(CIAE) 112 Galicia unha vez derivados desde o 012.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.