Gandeiros contrarios á caza do lobo: "a solución non está en matalo, debemos convivir"

Hai gandeiros que están por protexer o lobo polo seu papel no equilibrio do medio natural: "axuda a controlar a poboación doutras especies", explica José Luís Vaz. Considera que as axudas por danos son mellor solución que a caza: "o lobo leva con nós centos de miles de anos, non temos dereito a rematar con el".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O pasado 4 de febreiro o Goberno central anunciou a inclusión do lobo ibérico na listaxe de especies naturais baixo protección especial. Na práctica, a medida implicaba a prohibición da caza do lobo; unha decisión que vén de poñer o sector agrario e a vida no rural baixo o foco público. Un mes despois do anuncio, o debate do lobo segue acceso e con poucas vistas de rematar nunha solución de mutuo acordo.

Varios lobos ibéricos do Centro do Lobo Ibérico na localidade de Robledo de Sanabria,
Varios lobos ibéricos do Centro do Lobo Ibérico na localidade de Robledo de Sanabria, | Fonte: Europa Press - Arquivo.

A medida estrela do MITECO vén de xerar unha política de bandos definida dende os primeiros días. O Goberno --ou parte del-- mantén como postura oficial a protección do animal, unha postura na que acompañan o movemento ecoloxista do Estado. Da outra banda atoparíanse aquelas comunidades autónomas con maior poboación do animal --entre elas a Xunta--, que libran a loita apoiados por cazadores e gandeiros.

Por suposto, tampouco no caso do lobo as cousas son brancas nin negras. O sector da gandaría, mobilizado en liñas xerais contra a especial protección desta especie, conta tamén con traballadores do agro especialmente sensibilizados coa cuestión ecoloxista para os cales a caza non é a solución. José Luís Vaz é un deles: “os humanos somos os maiores depredadores, non o lobo. Nós si que fodemos a natureza”, explica.

Vaz xestiona unha cooperativa de máis de cen cabezas de gando no concello ourensán de Riós; unha das áreas que, por composición orográfica, está máis exposta aos ataques do lobo. Con todo, este gandeiro resta importancia á problemática. Segundo relata, a “peaxe” que cobran os lobos na súa explotación non vai máis alá dunha cabeza cada ano “ou dous anos”. “Evidentemente, ao que lle toca fódese, pero non son uns números excesivamente elevados e non penso que a solución estea en matalos”, explica.

Vaz, que conta con socios ao ancho e alto da provincia ourensá, non oculta que a súa opinión é minoritaria dentro do sector. Tamén el entende os gandeiros que defende a práctica cinexética. “A gandaría está tocada da á pola pandemia e os prezos”, razoa, “e se che comen unhas vacas pois pódeste indignar. Pero temos que ser intelixentes e ir un pouco máis alá”.

AXUDAS POR DANOS

Aínda que para Vaz a prohibición da caza ten unha dose de principios --xestiona unha cooperativa “ecolóxica”--, non agocha que tamén ten que ver coa sostibilidade do medio; unha cuestión vital para a supervivencia económica do sector. “Debemos convivir co lobo”, explica. “O lobo ten a súa función biolóxica no control doutras especies que se están a disparar: corzos, xabarís... Se o dano non vén do lobo virá do xabaril”, subliña.

Ante estas circunstancias, este propietario considera que as axudas por danos son mellor solución que “matar os lobos”. “Non quere dicir que haxa que deixar desprotexidos aos gandeiros”, valora. “As administración téñense  que facer cargo deses gastos con axudas rápidas e áxiles; non como agora, que cando teñen cartos pagan e cando non non...”.

A opción das axudas forma parte das reivindicacións dos grupos ecoloxistas galegos máis implicados na protección desta especie; un debate que ameaza con se cronificar ante os anuncios de batalla legal da Xunta de Galicia. Vaz dá dunha pista para conducir a discusión: “A natureza e a vida son un puzzle, todo está interrelacionado. Se moves unha peza dese puzzle, desequilibras a totalidade do asunto. E na natureza e a vida todo ten o seu sentido, e o lobo tamén, evidentemente. O lobo xa andaba con nós hai centos de miles de anos. Nós non temos dereito a rematar con el

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta