Galicia reforza a educación dixital coa ampliación a toda a ESO e a incorporación de novos centros a E-dixgal

A Xunta estima que os aproximadamente 17.000 alumnos de Secundaria que participan no proxecto "vanse duplicar".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2021 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a directora da Amtega, Mar Pereira, presentaron este martes a ampliación do proxecto de libro dixital de Galicia, E-dixgal, que se reforzará coa extensión automática aos cursos de 3º e 4º de ESO naqueles centros que xa participan no ámbito de Secundaria e coa incorporación de, polo menos, 75 novos centros.

Durante a presentación, Román Rodríguez reivindicou a "mellora" que experimentou nos últimos anos a educación galega "desde o punto de vista do ensino virtual" da man da Amtega, unha aposta que cristaliza neste proxecto que, ademais "de presente", busca ser "un proxecto de futuro" orientado a fomentar o papel das novas tecnoloxías no ensino.

E-dixgal, destacou o conselleiro, leva "varios anos posibilitando que moitos alumnos poidan desenvolver un ensino dixital" e "formarse desde unha perspectiva integral". Dentro deste proceso, Román Rodríguez mencionou o que supuxo o establecemento de formación en liña a finais do pasado curso, forzado pola pandemia de covid-19.

AMPLIACIÓN DO LIBRO DIXITAL

Agora, a Xunta busca dar un novo pulo a E-dixgal ampliando a súa implantación desde os cursos actuais -5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO- aos dous últimos cursos de Secundaria. Así mesmo, posibilitarase a incorporación de novos centros que a día de hoxe non participan.

Román Rodríguez destacou que esta posibilidade é "un salto cualitativo moi significativo", dado que "se completa o ciclo formativo de Secundaria a través do libro dixital" e dáse a oportunidade a algúns alumnos de permanecer seis cursos seguidos neste sistema. Ademais do propio equipamento, leva aparellado o desenvolvemento de contidos dixitais e a formación do profesorado.

Con iso, a Xunta estima que os aproximadamente 17.000 alumnos de Secundaria que participan no proxecto "vanse duplicar" coa incorporación "automática" dos dous cursos restantes. Nesta situación atópanse algo máis de 120 centros.

Paralelamente, barállase que se incorporen a E-dixgal un mínimo de 75 centros que, ata agora, non participan na iniciativa. Con iso, o Goberno galego cre que se chegará á contorna dos 55.000 a 60.000 alumnos beneficiados.

Centro educativo adherido ao Proxecto E-DIXGAL.
Centro educativo adherido ao Proxecto E-DIXGAL.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta