Ficaría un investimento pendente de 2300 M€ e estaban xa executados 6200M€, acadando mentres o Concello madrileño unha débeda de 7430 M€ (2300 €/residente). Na práctica, de lle outorgar a organización do evento, os números dispararíanse. Canto aos retornos, serían seguros, mais insuficientes para que as Administracións públicas madrileñas puidesen pensar noutra cousa ca en pagar a débeda. Non por acaso Roma, con ser Roma, desbotouse da carreira olímpica, ao priorizar o “panem” sobre os “circenses”.
Velaí como se advertiu nidiamente a diferenza entre as prioridades da cidadanía e clases medias e de determinada elite política, en colaboración con algúns operadores empresariais gorentosos de ladrillo e negocios dirixidos dende os Poderes Públicos. Porque o modelo de Madrid 2020 apostaba, no longo prazo, por unha débeda improdutiva no canto da reactivación empresarial e os servizos públicos. Para as Olimpíadas habería o que non haberá para a sanidade, educación ou innovación.
Esta realidade adubiouse estes días con doses de patrioterismo e descoñecemento do funcionamento do Comité Olímpico Internacional verdadeiramente inéditas. Despois de Brasil 2016 tocáballe, por tradición, a vez a Asia e Madrid non xogaba. De feito, a poderosa París agardou a presentar a súa candidatura até a edición do 2024, cando teoricamente lle cumpra organizar a Europa. Malia esta evidencia, algún falabarato conseguiu que os “media” madrileños repenicaran seguido que Madrid contaba con 56 votos, unha cómoda maioría absoluta. Pois ben, 26 votos obtidos, u-los outros 30?.
Canto á Galicia, excluída por Madrid da asignación das 8 subsedes (Valencia, Andalucía, Castela e Aragón, coma sempre), non perde nada con este fracaso. Porque, nesta recesión, a recentralización brutal de gasto que agochaba Madrid 2020 tería sido moi prexudicial para o noso País, que desaparecería do mapa dos investimentos públicos estatais.