Propietarios rurais rexeitan o veto a cazar lobos e piden simplificar os trámites para a caza do xabaril

A Xunta analizará como conseguir unha administración electrónica máis "práctica" e aborda con eles a nova instrución de aproveitamento forestal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2021 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, agradeceu o apoio dos membros da Asociación de propietarios rurais para a xestión cinexética e conservación do medio ambiente (Aproca) á postura defendida pola Xunta sobre a non inclusión do lobo na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpre).

A conselleira reuniuse este luns coa asociación na que, ademais de escoitar as súas demandas, informar os pasos e xestións realizadas pola Consellería para frear a iniciativa do Goberno central.

Neste sentido, Vázquez lembrou que recentemente enviou a todos os concellos a carta aberta de rexeitamento a esta proposta "para sumar o apoio do municipalismo e que o Estado desista de elevar o actual nivel de protección desa especie ao norte do río Douro".

Doutra banda, respecto ao xabaril, os propietarios rurais trasladáronlle á conselleira "a necesidade de atoparse cunha administración máis sinxela en cuestións de caza". Así, solicitaron unha simplificación da plataforma que empregan para reportar os datos das batidas do xabaril realizadas. A este respecto, Vázquez comprometeuse a analizar coa Dirección Xeral os posibles cambios para conseguir unha administración máis electrónica, accesible e práctica.

INSTRUCIÓN ACLARATORIA SOBRE O APROVEITAMENTO FORESTAL

A conselleira tamén informou aos integrantes da agrupación sobre a instrución aclaratoria que se acaba de publicar co fin de resolver posibles dúbidas sobre como deberán tramitarse os posibles cambios de aproveitamento forestal en terreos localizados fóra da Rede galega de espazos protexidos e que supoñen, aproximadamente, 1,5 millóns de hectáreas.

"O obxectivo é clarificar que a implantación dun pasto nun terreo forestal non é un cambio de uso a efectos da súa tramitación, de tal forma que non ten que someterse a avaliación ambiental", indicou a consellería nun comunicado.

Cachorro de Lobo Ibérico.. WWF
Cachorro de Lobo Ibérico.. WWF | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta