Por E.P. | A Coruña | 23/03/2021 | Actualizada ás 18:31
Veciños do Barrio das Flores, na Coruña, lograron o desaloxo dunha casa 'okupada' tras protestas veciñais que se iniciaron, segundo sosteñen, despois de distintos incidentes, entre os que apuntan ao roubo de roupa.
Así o explicou a presidenta da Asociación veciñal en Defensa do Barrio das Flores, Cruz Barrientos, que cifrou en 18 as persoas que foron desaloxadas. "Todas as noites facían festas no chalé", expuxo sobre a vivenda 'okupada' e situada na praza Fresnos.
Asegura que ao principio lles levaron comida, pero que logo se produciron unha serie de incidentes,entre os que citou o "roubo de roupa" ou a presenza de "droga" no inmoble, segundo apuntou. "Custounos moito traballo que este fose un barrio tranquilo e sen droga", indicou ao argumentar o motivo que levou aos veciños a mobilizarse e a lograr, segundo explicou, mediante a presión veciñal, que os 'okupas' se fosen.
Por outra banda, afirmou que o domingo se produciron xa movementos para lograr que este grupo de persoas marchasen do barrio e que, na súa condición de presidenta da entidade veciñal, fixo requirimentos ao Concello e á Policía, que delegou as actuacións a este respecto nun xuíz.
Sobre o domingo, fontes municipais indicaron que "interveu a Policía Nacional nunha liorta" e que a Policía Local tamén se desprazou como "apoio".
En canto ao luns, a presidenta da entidade sinalou que cando se marchou a Policía lograron que os okupas se fosen. "Grazas á presión", recoñece. Agora, dixo que, sufragado polos seus propios medios, os veciños tapiaran xanelas e portas da vivenda.
MÁIS POLICÍA
Tras o sucedido, o grupo municipal do PP no Concello da Coruña demandou maior presenza policial, recuperar a policía de barrio, activar un plan de protección de convivencia e seguridade veciñal e a cobertura total de prazas de axentes.
O PP reprocha á alcaldesa, Inés Rey, e ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, "pasividade" en relación a esta cuestión. O que provocou, argumenta, "que tivesen que ser os propios veciños do Barrio das Flores os que desaloxasen a unha vintena de okupas ilegais que alteraban a convivencia" engade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.