Por E.P. | A CORUÑA | 24/03/2021 | Actualizada ás 14:26
CCOO, UGT e CIG instaron á cidadanía a secundar este sábado a manifestación convocada na Coruña, ás 12,00 horas, en "defensa do emprego" en Alu Ibérica e "contra a represión sindical", un chamamento feito polos secretarios xerais do tres sindicatos, que coincidiron tamén en denunciar a "inacción" de Goberno e Xunta en relación coa fábrica coruñesa.
Nunha rolda de prensa conxunta, coa presenza do secretario xeral de Comisións Obreiras, Ramón Sarmón Sarmiento; o de UGT, José Antonio Gómez, e o da CIG, Paulo Carril, defenderon a necesidade desta mobilización, convocada ante a Delegación do Goberno.
Sarmiento cualificouna de "necesaria" ante os "graves acontecementos" na fábrica, despois do despedimento dunha traballadora ao que se sumou o de catro representantes sindicais, entre eles o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, e o que definiu como "violencia empresarial".
"Terrorismo patronal" foi o cualificativo empregado, á súa vez, polo secretario xeral da CIG para definir a situación na factoría desde a entrada do Grupo Riesgo, ao que o dirixente de UGT acusou de adoptar medidas que "vulneran dereitos fundamentais".
Por todo iso, fixeron un chamamento á participación, instando tamén os concellos a facer esta mesma petición aos cidadáns. "O sábado pasaremos lista", sinalou Sarmiento ao reclamar o "apoio" de representantes de institucións públicas e de partidos políticos.
"Ou se está cos traballadores ou no caso de Alu Ibérica cuns delincuentes", sentenciou tamén nunha comparecencia na que avanzou que estará presente o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo.
REPROCHES A XUNTA E GOBERNO
Por outra banda, o tres mostráronse moi críticos coa actuación de Xunta e Goberno central. Neste sentido, o dirixente de Comisións Obreiras lembrou que o pasado 19 de febreiro dirixíronse á ministra de Industria, Reyes Maroto, sen que obtivesen resposta ata o momento, segundo indicou.
"É inconcecible que o Ministerio estea ausente", dixo reclamando unha solución tanto para esta fábrica, pertencente con anterioridade a Alcoa, como para a de San Cibrao, en Lugo. Así, asegurou que a mobilización busca non só "denunciar" a situación na fábrica coruñesa, senón esixir "garantías de continuidade" da actividade industrial na Coruña.
"Hai que salvar unha industria estratéxica", volveu a reclamar o secretario xeral da CIG, en liña co exposto tamén polo máximo dirixente de UGT en Galicia, para quen as administracións deben "garantir" a actividade industrial nesta fábrica. "Mobilizámonos polo conxunto de empregos na comarca", sinalou tamén ao demandar o apoio a esta protesta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.