Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/03/2021 | Actualizada ás 17:46
Con motivo do Día mundial da tuberculose, a Consellería de Sanidade informou de que, desde a posta en marcha do primeiro programa galego de prevención e control desta doenza, no ano 1996, a incidencia da enfermidade descendeu de forma progresiva e constante en Galicia.
Así o confirman os datos do Informe anual da tuberculose en Galicia no ano 2020, que mostran unha diminución dun 80% no número de casos novos, pasando dos 1.963 en 1996 aos 393 o ano pasado. Isto tradúcese nun descenso máis ou menos anual do 6,4%.
Así mesmo, o 96,4% dos pacientes que iniciaron tratamento en 2019 curáronse, unha porcentaxe moi por enriba do obxectivo da Organización Mundial da Saúde, que é do 85%.
A este bo dato, apunta Sanidade, contribuíu o traballo desenvolvido polos equipos das unidades de tuberculoses de Galicia, que instauraron tratamento supervisado no 55,6% dos casos. A supervisión dos profesionais controlando a toma de medicación pode ser diaria, semanal ou con outra periodicidade, segundo os casos.
A incidencia da tuberculose bacilífera, é dicir, contaxiosa, pasou de 27,9 a 3,9 casos por 100.000 habitantes no período 1996-2020, o que representa unha diminución "moi notable".
En canto aos pacientes, o 62,6% dos casos foron homes e o 37,4% mulleres. Por grupos de idade, a maior incidencia foi no grupo de maiores de 74 anos.
O tabaquismo destaca como principal factor de risco asociado, presente nun 23,9% dos pacientes. Segundo a localización da enfermidade, a máis frecuente foi a pulmonar, que representou o 63,4% dos casos. Deles, o 42,2% eran bacilíferos.
Pola súa banda, a incidencia da tuberculose en nenos menores de cinco anos diminuíu de 58,9 a 3,3 casos por 100.000 habitantes no tramo que vai do ano 1996 ata 2020.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.