Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2021 | Actualizada ás 13:29
A Xunta de Galicia acordou, tras a reunión do subcomité clínico deste venres, manter en nivel máximo de restricións ao municipio de Beade, que será o único nesa situación desde o luns 29 de marzo, tras pasar Maside ao nivel alto.
Iso supón que en Beade o luns seguirá vixente o peche perimetral do municipio, a hostalaría só aberta para servizo a domicilio e recollida e as reunións de non convivientes prohibidas.
Deste xeito, segundo informou a Consellería de Sanidade, tras escoitar as recomendacións do subcomité clínico de expertos que avalía a situación da Covid-19 en Galicia este venres Maside pasa do nivel máximo ao alto xunto a outro nove municipios, entre os que se manteñen os pontevedreses de Sanxenxo e Baiona.
No nivel alto de restricións entran, ademais, os concellos de Cortegada, Pazos de Borbén e Padrenda, mentres que se manteñen no mesmo, ademais de Sanxenxo e Baiona, os de Vilardevós, Abegondo, Ortigueira e O Saviñao.
No nivel alto de restricións a hostalaría permanecerá aberta ata as 21,00 horas, con só apertura de terrazas cun aforamento do 50 por cento. As reunións poderán ser de seis persoas non convivientes en exteriores, de ata catro en interiores de hostalaría (ou espazos d carácter público) e estarán prohibidas nos domicilios ou calquera espazo de carácter privado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.