Na pulsión soberanista, porén, xúntanse outras aspiracións sociais que xurden da crise institucional e da depresión económica. Maniféstanse as arelas por unha política da transparencia,pola participación cidadá, por unha sociedade máis moderna e xusta ou polo mantemento dos servizos públicos. As arelas por decidir o futuro persoal e dos seus.
O dereito a decidir atopa unha numantina resistencia no Madrid político e mediático, atado ao inmobilismo dunha Constitución do 1978, expresión dun réxime político territorial e institucionalmente esgotado. Constitución que, non por acaso, foi modificada en 24 horas polo PP e PSOE para unha remuda tan substancial como priorizar o pagamento da débeda a respecto do mantemento dos servizos públicos.
É a hora da política para deixar a decisión á cidadanía. Mais semella que un Rajoy amortizado polos recurtes e a corrupción carece de liderado na súa parroquia para abrir un diálogo sen condicións.
A arrincadeira: unha sentenza desproporcionada
A Audiencia Nacional constitúe unha excepción ao principio constitucional do xuiz ordinario predeterminado pola Lei. O feito de que delictos cometidos en Galicia sexan xulgados por un Tribunal de excepción non casa cunha democracia de calidade. Máis cando nese Tribunal non foron quén de gardar as formas da imparcialidade e do respecto ao dereito de defensa.
As condutas imputadas aos catro membros de Resistencia Galega son moi graves, merecen reproche penal. Mais a sentenza é absurdamente desproporcionada. 18 anos de cárcere non é xustiza, é pura represión.