Por Erik Dobaño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2021 | Actualizada ás 17:58
A Garda Civil e a Policía Nacional intensificarán o control do peche perimetral de Galicia este fin de semana no marco das medidas acordadas para Semana Santa.
Segundo trasladou a Delegación do Goberno en Galicia, prevese que este fin de semana uns 3.500 axentes realicen 2.700 controis nas principais vías de acceso a Galicia e en infraestruturas de chegada de viaxeiros, como estacións de tren e autobús e aeroportos.
Deste xeito, buscarase comprobar que os desprazamentos de persoas procedentes de fóra da comunidade se axusten ás excepcións establecidas pola normativa. Así, controlaranse o peche perimetral e o cumprimento das limitacións de encontros de non convivientes, ademais de prestarse apoio á hostalaría para garantir que se respectan as medidas nestes establecementos.
En concreto, o acordo alcanzado polo Ministerio de Sanidade e os gobernos autonómicos para Semana Santa inclúe, ademais do peche perimetral das comunidades, a limitación da mobilidade nocturna. Tamén se prohibiron as reunións de persoas non convivientes en domicilios e os encontros de máis de catro persoas en espazos públicos pechados, así como os de máis de seis en lugares abertos.
Paralelamente, as forzas e corpos de seguridade do Estado establecerán dispositivos ao longo desta semana para vixiar o cumprimento das medidas acordadas polo Goberno central e as comunidades no Consello Interterritorial de Saúde, ademais das restricións establecidas pola Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.