A desfeita en Trevinca: os eólicos provocarían remexidos de terra equivalente a 29 campos de fútbol

Ademais construiríanse pistas comparables a 38 quilómetros de autovía.

Por Galicia Confidencial | Trevinca | 27/03/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O parque eólico "Alto Cabrera", promovido por ENEL Green Power, que pretende instalar 29 aeroxeradores de 6 MW e 200 m de alto sobre as montañas de Trevinca, o Eixe e A Cabrera, entre Galicia e León, xeraría un forte impacto ambiental e paisaxístico nesta fermosa contorna.

Pena Trevinca
Pena Trevinca | Fonte: Turismo de Galicia

 

Para a súa realización sería necesario a apertura e afirmado de máis de 38 km de pistas cun ancho total de 16 m, equivalente a unha autovía. O tamaño das máquinas condiciona tamén a construción doutras tantas plataformas (29) para acoller os alicerces de formigón (de 25 m de diámetro) situados sobre esplanadas de case 1 hectárea, máis que un campo de fútbol. A isto hai que engadir ducias quilómetros de gabias para as conducións soterradas e de liñas de alta tensión para evacuar a enerxía. "Trátase dunha grande operación industrial sobre uns hábitats naturais de alta montaña de enorme valor e fraxilidade", critica a organización ecoloxista Adega.

 

"Os impactos sobre o territorio destas infraestruturas son catastróficos. Milleiros de metros cadrados de hábitats de interes europeo e prioritarios, cuxa protección consagra a Directiva 92/43 CEE (de Hábitats) serán eliminados", indica nun comunicado.

 

Así, especies como a aguia real, a cobreira, outras rapinas esteparias, ou perdiz charrela, que teñen mestas montañas importantes núcleos reprodutores, veránse afectadas. Tamén réptiles endémicos moi ameazados ou mamíferos como o oso, ou o lobo teñen nestas serras o seu hábitat ou área de expansión, ou úsanas como corredores ecolóxicos, caso do lince ibérico. Adega apunta que a degradación do territorio que producen estes megaparques colide cos compromisos internacionais asinados polo Estado para a protección da paisaxe e particularmente dos hábitats montañosos. 

 

"CRITERIOS EMPRESARIAIS"

 

Os ecoloxistas denuncian que tanto en Galicia como no Estado, a planificación eólica é caduca ou está orientada exclusivamente por criterios empresariais. ·En moitos casos, como acontece con este delirante proxecto, a xustificación das promotoras para arrasar con paisaxes, hábitats e especies únicas, é a de cumprir cos obxectivos de redución de gases de efecto invernadoiro", conclúe.

 

Non é a primeira denuncia que se fai sobre este parque. Hai unhas semanas publicabase por parte do Club de Montañismo Montañas de Trevinca un manifesto que pide apoios para frear unha proliferación de eólicos contra a que levan batallando dende hai xa 20 anos. Neste aspecto, refiren o proxecto de 36 torres eólicas planificado no ano 2001 e que, sinalan, “ía destruír completamente unha xoia xeolóxica como é a crista glaciar do Lombo do Roncín”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta