A mesquindade de Núñez Feijóo

No debate parlamentario do mércores 24-M Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG) preguntáronlle ao presidente Núñez Feijóo polos 2M€ de cartos negros á Caixa B do PP presuntamente fornecidos polo PPdeG, segundo a declaración testemuñal do antigo xerente do PP, Luis Bárcenas.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 28/03/2021

Comparte esta noticia
O noso Presidente, revalidando outravolta o seu recoñecido liderado nos deportes  de lle botar a culpa aos demáis e de lle facer oposición á oposición rexeitou respostar aos devanditos inquéritos e, no caso do BNG, respostou dicindo que de catro conselleiros nacionalistas no goberno de coalición 2005-2009 o 25% (é dicir, o conselleiro Fernando Blanco) foi imputado xudicialmente, polo que seica o BNG habería ficar caladiño nos asuntos da corrupción.
 
Fernando Blanco foi imputado polo Xulgado de Instrución nº 1 de Lugo en abril 2012 e foi liberado da devandita cualidade ( agora  investigado) no outono de 2018. Dende primeiros de 2014 ficou evidente que non había causa ningunha para manter as pescudas penais, polo que a súa defensa ( partillada polos Despachos do prestixioso avogado galego Evaristo Nogueira e de quen asina ) pediu o sobreseimento da causa. A xuiza De Lara, instrutora da pescuda penal, adiou estes pedimentos e botou mán de subterfuxios ilegais para non pechar o proceso até o 2018, rematando por desestimar os nosos pedimentos  en xuño dese ano, abrindo por primeira vez dende 2014 a porta para que a Audiencia, estimando o noso recurso, arquivase a investigación en outubro de 2018. 
         
Núñez Feijóo coñecía todo isto e soubo, ademáis, que a xuiza Pilar de Lara foi sancionada con sete meses de suspensión polos ilegais atrasos deste procedemento, entre outros. Velaí que, naquel outono, chamase ao conselleiro Fernando Blanco e lle parabenizase pola boa, malia que adiada,  resolución do caso. É nidio que ningún Presidente de ningún país europeo parabeniza a ninguén que sae con bo suceso dunha investigación criminal se non acredita na súa inocencia e no acerto dunha tal decisión xudicial.
      
Poucos dúas antes do 24-M o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) emitiu o informe preceptivo que a lei lle encarga para determinar se Fernando Blanco ten de ser indemnizado polo Estado polo anormal funcionamento da Administración de Xustiza e respostou afirmativamente, considerando que existiron atrasos gravísimos que dilataron moitos anos a única decisión posíbel dende moi axiña para pechar o procedemento: o seu  sobreseimento. Os avogados e xuristas sabemos da dificultade dun tal informe, mesmo no caso de demoradas investigaciñons penais e mesmo periodos de sofrimento de medidas cautelares de cárcere preventivo. É moi difícil que o CXPX diga que ninguén ha ser indemnizado por sofrir a pena de banco. Mais fíxoo xa no caso de Fernando Blanco. 
 
Velaí que a resposta na sé parlamentaria de Feijóo o 24-M sexa mesquiña e indigna da persoa que exerce a Presidencia deste País. 

Luís Bárcenas, no Congreso.
Luís Bárcenas, no Congreso.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.