Dos delictos e das penas

Catro cidadáns galegos veñen de ser condenados pola chamada “Audiencia Nacional” a moi aflitivas penas de cárcere por condutas que, sen dúbida ningunha, son graves e merecentes de sanción penal. A posesión de explosivos nunca é desculpábel. Non existe violencia de baixa intensidade.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 22/09/2013

Comparte esta noticia
Mais as circunstancias da prisión preventiva, do axuizamento e da sentenza son impropias dunha democracia de calidade. A chamada “Audiencia Nacional” que os axuizou naceu o 4 de xaneiro do 1977 para substituir ao  Tribunal especial  da Orde Pública franquista, que  xulgaba os delictos políticos. É un Tribunal especial con xurisdición en todo o Estado que substitúe nos delictos de violencia política aos Xulgados e Audiencias galegas, que son os xuices ordinarios predeterminados pola Lei, polo que constitúe un elemento alleo á pranta xudicial dunha democracia.
 
Para alén, o afastamento do Tribunal da realidade galega e a súa incardinación no máis politizado e centralizado do sistema xudicial impideulle relativizar elementos que permitirían unha aplicación máis aquelada e proporcional da lei e agravou as penas por mor da militancia independentista dos acusados. Logo dun xuizo no que o Tribunal xulgador limitou substancialmente o dereito fundamental á defensa penal dos acusados, impedindo o desenvolvemento de boa parte das probas de testemuñas e periciais propostas polos seus avogados, a quen tratou con parcialidade e desconsideración.
 
A sentenza só é recorríbel en casación perante o Tribunal Supremo, o que vulnera o dereito fundamental á dupla instancia penal, xa que só se revisarán feitos con apoio documental e non existirá unha revisión xeral das probas e dos feitos probados. Por outra banda, até de agora, os axuizados foron presos en lugares moi afastados de Galicia, o que vulnera tamén o seu dereito a permanecer no cárcere ou, eventualmente, cumprir pena próximos á súa contorna familiar e vital.
 
A sentenza,pois, constitúe un exercicio máis de política represiva que de xustiza. Moi probábelmente os axuizados fosen merecentes da cárcere. Mais só despois dun xuizo xusto, condenados polos seus xuices ordinarios e cumprindo penas proporcionadas e orientadas á reinserción preto dos seus fogares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.