O BNG insta a Xunta a empregar os fondos de cohesión para evitar a emigración e facilitar o retorno

Ana Miranda e Daniel Castro critican a falta de políticas que evitasen a marcha de 327.000 persoas de 16 a 54 anos entre 2009 e 2020.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2021 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego instou á Xunta a empregar os fondos de cohesión europeos para evitar a emigración e facilitar o retorno das persoas emigradas. Ademais, reclamou que o Instituto Galego de Estatística (IGE) elabore un informe que permita obter datos "reais" nun contexto de fuga "transversal" de profesionais.

Nunha rolda de prensa ofrecida na Cámara galega e na que compareceron portando senllas maletas, o deputado Daniel Castro e a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, alertaron da "transversalidade" da emigración. "A día de hoxe os galegos que teñen que abandonar Galicia fano con estudos ou sen eles", sinalaron.

Neste sentido, o parlamentario autonómico explicou que, segundo a EPA, máis de 100.000 mozos e mozas deixaron Galicia nos últimos anos, unha marcha que, conforme a datos do Foro Económico de Galicia, motiva que en Galicia se deixen de crear máis de 300 empresas ou que se rexistren uns 500 nacementos menos.

"Son datos moi malos que se fan aínda peores se abrimos o abano de idade dos 16 aos 54 anos", sinalou Daniel Castro, que apunta que os datos do IGE cifran en máis de 320.000 as persoas que emigraron entre o 2009 e o 2020. Ante iso, Ana Miranda advertiu de que os galegos seguen "collendo a maleta" anos despois das ondas migratorias máis intensas por causas como non atopar traballo, que este non sexa adecuado ou pola "precariedade laboral xeneralizada".

Ademais, asegurou que esta "fuxida de talento" non só se corresponde a universitarios, senón que agora esténdese a todo tipo de sectores, como a construción ou o naval. "Segundo datos do OCDE, a perda media de fuga de talentos en Europa é do 3%, pero en Galicia ascende ao 10%", apuntou para sinalar que esta feito causa "graves desequilibrios sociais".

Ana Miranda tamén sinalou que o Comité das Rexións, --no seu informe de 2020 sobre a fuga de talento--, indica que a brecha entre o sistema educativo e o mercado de traballo é unha das causas de emigración dos profesionais e insta a que sexan as autoridades subestatais en cooperación coas estatais e europeas as que rendibilicen o investimento en capital humano dun país.

FONDOS FEDER

Neste contexto, para os nacionalistas, os fondos FEDER do período 2021-2027, que van apoiar aos territorios con problemas demográficos, deberían ser empregados tamén para evitar a emigración apostando por investimentos para fixar poboación. "Non pode ser que o Goberno galego ignore este problema da emigración actual", asegurou Daniel Castro nunha rolda de prensa na que Ana Miranda asegurou que "se está volvendo a unha situación" na que pais deixan en Galicia "aos seus fillos como hai anos, coas consecuencias persoais que iso implica".

Precisamente, para coñecer os datos reais, o BNG insta o Instituto Galego de Estatística (IGE) a que promova un informe sobre a emigración galega actual, para a poboación comprendida entre 16 e 55 anos. "Estamos a detectar unha fuga de profesionais moi elevada desde 2011 que se vai agravar cos efectos económicos da pandemia", indicou para sinalar que os nacionalistas consideran que o informe debería contemplar os datos desagregados por franxa de idade e nivel de estudos.

PLAN RETORNA

Por último, os nacionalistas incidiron na necesidade de reter o talento galego e volver traer a emigración de volta. "É lamentable que o PP non empregue os fondos europeos dispoñibles para crear emprego e evitar a emigración de profesionais de sectores diversos", indicou. Neste sentido, lembraron que o BNG reclama desde hai anos plans para o retorno da emigración como o Plan Retorna ou o programa Imán que puxo en marcha o Goberno bipartito para o regreso da diáspora científica galega.

O deputado do BNG, Daniel Castro, e a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, na rolda de prensa
O deputado do BNG, Daniel Castro, e a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, na rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta