O 23% da poboación galega xa conta con algunha vacina contra a covid

Galicia administrou case 75.000 vacinas desde o venres e supera xa a media estatal tras días por baixo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2021 | Actualizada ás 19:47

Comparte esta noticia

O persoal sanitario galego administrou entre o venres e o domingo da pasada semana case 75.000 vacinas contra a covid-19, co que a cifra de persoas que recibiron polo menos unha dose sitúase xa nas 732.689.

Grazas ás vacinacións masivas tanto con Pfizer como con AstraZeneca que tiveron lugar ao longo da semana pasada, Galicia administrou xa o 93,2% das doses recibidas, á espera de que este martes chegue unha nova remesa. A cifra é, así, superior á media estatal, que se sitúa no 89,9% das doses administradas, tras varios días por detrás desta media.

Segundo o informe publicado este luns polo Ministerio de Sanidade, entre o venres e o domingo administráronse en Galicia 74.912 vacinas contra o coronavirus. A cifra total de persoas que recibiron polo menos unha dose é xa de 732.686 e a poboación coa pauta completa é de 186.056 (613 máis que o xoves).

COBERTURA DO 23%

Segundo os datos actualizados a domingo, Galicia ten vacinada con polo menos unha dose o 23,1% da poboación obxectivo, e o 7,9% coa pauta completa.

Por grupos de idade, contan polo menos cunha dose de vacina contra a covid-19 o 92,5% dos maiores de 80 anos, o 29,6% dos de 70 a 79 anos, o 23,8% dos de 60 a 69 anos, o 15,5% dos de 50 a 59 anos e o 10,6% dos de 25 a 49 anos. Con pauta completa están o 43,5% dos maiores de 80 anos, o 1,6% dos de 70 a 79, o 4,5% dos de 60 a 69 e o 5,8% dos de 50 a 59. Tanto a taxa de poboación cunha dose como con dúas está por encima da media nacional.

Persoas maiores de 80 anos, policías, bombeiros e profesores esperan para ser vacinados coa dose de Moderna e AstraZeneca respectivamente, no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, en Vigo, Pontevedra. Europa Press
Persoas maiores de 80 anos, policías, bombeiros e profesores esperan para ser vacinados coa dose de Moderna e AstraZeneca respectivamente, no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, en Vigo, Pontevedra. Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta