Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2021 | Actualizada ás 09:00
O movemento ecoloxista galego segue en pé contra unha das causas de maior impacto nos últimos anos: a implantación de parques eólicos no territorio. Desenvolta co beneplácito de Xunta e Goberno Central, a campaña eólica vén de recibir duras críticas da banda de plataformas verde, pero tamén da sociedade civil organizada arredor de grupos veciñais.
A crítica está, no máis das ocasións, en que a proxección e implantación dos parques eólicos se produce sen gardar o debido coidado con respecto ao medio ou mesmo aos núcleos de poboación que nel se sitúan. Nos últimos meses emerxeron casos de diversos plans que contemplarían torres aeroxeradoras de máis de cen metros de alturas dispostas a menos de medio quilómetro de casas habitadas.
Por riba, moitos dos proxectos eólicos denunciados por plataformas vense escurecidos pola sombra dunha hipotética fragmentación irregular; é dicir, plans únicos pero que se presentan como varios, separados, para avanzar con maior facilidade entre os requisitos ambientais da Xunta; criticados en numerosas ocasións nas últimas xornadas pola súa "escasa ambición".
"INVASIÓN EÓLICA"
Neste contexto, a plataforma Adega vén de dar un paso máis na loita contra a implantación "desordenada" de eólicos en Galicia cun plan que, a priori, semella orientado a sumar forzas de persoas dispostas a investir o seu tempo para frear o "espolio eólico". A asociación vén de lanzar, baixo o título de Actúa contra a invasión eólica!, unha iniciativa para unirse á oposición contra a instalación "irracional" de éolicos.
A solicitude, cristalizada nun formulario disposto na web da asociación, chega logo de meses de comunicados públicos chamando a atención sobre o avance desta enerxía que, malia presentarse como limpa e ecolóxica, estaría a comprometer a supervivencia de moitas das máis impactantes paraxes de Galicia. Nas últimas semana coñeceuse que os eólicos ameazan mesmo Pena Trevinca, a montaña máis alta da comunidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.