Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2021 | Actualizada ás 20:35
Rebeldía. É o nome da marca ‘moza’ que Unidas Podemos lanzou no conxunto do Estado a alturas do verán de 2020 e que, polo momento, segue sen callar ao nivel das xuventudes do PSOE ou as novas xeracións do Partido Popular. O partido morado, que o pasado xaneiro cumpriu 7 anos de vida nun dos seus momentos máis incertos, arrincou nese mes de xullo a tarefa de gañar unha estrutura sólida de militancia comezando polos máis mozos.
A preocupación do partido de Pablo Iglesias por atender as novas xeracións de electores é consecuente coa iniciativa do partido, en abril de 2019, solicitando baixar a idade de votación aos 16 anos. En Galicia, a sección ‘moza’ da formación segue sen se desenvolver con forza; unha circunstancia que agora, sen representación parlamentaria, está máis costa arriba pero que o partido nado en Madrid pretende acometer igualmente.
E que mellor momento que o 90 aniversario da proclamación da II República Española. Neste 14 de abril de 2021, Rebeldía Galicia vén de anunciar que presentou mocións nunha vintena de concellos galegos reclamando a “retirada das pegadas facistas aínda vixentes no seu territorio, ademais de propostas para a conservación e divulgación da memoria histórica no país”.
602 SÍMBOLOS DA DITADURA
A iniciativa da plataforma, realizada en colaboración coa matriz de Podemos Galicia, matiza que non se trata de “borrar a historia”, senón de “reparala con verdade, memoria e xustiza”, en palabras de Aitor Neira e Tamara Deza, voceiros da plataforma. Dende a sección moza de Podemos subliñan que Galicia conta, nestes momentos, con 602 símbolos “que conmemoran a persoeiros relacionados coa sublevación do 36, a Guerra Civil ou a Ditadura, entre eles rúas; retratos, distincións honoríficas, centros de ensino e escudos, placas, monumentos e grupos de vivendas”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.