O PSdeG reclama á Deputación de Ourense que non subvencione entidades que manteñen símbolos franquistas

Recorda que están incumprindo o disposto na normativa en materia de memoria histórica e democrática.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 16/04/2021 | Actualizada ás 19:02

Comparte esta noticia

O Partido Socialista de Ourense reclama que a Deputación provincial deixe de conceder calquera tipo de axuda ou subvención aos concellos, asociacións ou entidades que manteñen simboloxía franquista ou fascista, incumprindo o disposto na normativa en materia de memoria histórica e democrática.

O portavoz do PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, desprázase á rúa Caudillo, no concello de Beade (Ourense).
O portavoz do PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, desprázase á rúa Caudillo, no concello de Beade (Ourense). | Fonte: PSOE.

Así mesmo, esixe a todas as entidades locais a inmediata retirada desta simboloxía e solicita o recoñecemento dos veciños e veciñas que foron vítimas do golpe de Estado, a guerra civil, a ditadura e o nazismo.

O portavoz provincial do PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, explicou que pedirán ao Goberno de Baltar que aplique a normativa vixente e non conceda subvencións a aqueles lugares que "seguen incumprindo a legalidade". "A Deputación non pode seguir mirando cara outro lado, como tamén fai a Xunta", apunta.

"Xa está ben deses discursos que falan de non reabrir feridas, porque quen di iso probablemente non saiba que son esas feridas", insistiu antes de proclamar que as feridas "non están pechadas" porque "nunca foron reparadas".

O deputado provincial desprazouse a rúa Caudillo, en Beade, para reclamar que se restaure a dignidade do pobo aprobando unha iniciativa que pretende "reparar a honra das vítimas da represión franquista, fascista e das ditaduras".

"Queremos que se adopten medidas para que se cumpra a legalidade", insistiu Villarino no acto no que asegurou que "é tempo de que a democracia sexa realidade" en todos os municipios.

A iniciativa que se debaterá no próximo pleno detalla que, case medio século despois da morte do ditador Francisco Franco, "aínda existen centos de rúas, placas, privilexios e distincións de carácter franquista e falanxista" malia que a lexislación determina que deben ser retirados dos espazos públicos.

Entre as dificultades para cumprir a lei, o portavoz socialista destacou o "complicado" que resulta "conseguir unha listaxe pormenorizada", posto que as administracións nunca elaboraron un inventario coa relación dos restos.

Ademais, entre outras cuestións, os socialistas ourensáns reclaman que a Deputación se some ao proxecto 'Empedres para o recordo' da Fundación Stolpersteine, co obxectivo de instalar placas identificativas no chan en memoria dos veciños da provincia deportados a campos de concentración e exterminio nazis.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta