Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2021 | Actualizada ás 14:52
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e os músicos Davide Salvado, Fransy González e Cibrán Seixo presentaron este luns o audiovisual 'Cantar do liño e Maneo de Xaviña', realizado ao amparo da primeira convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 e avance do proxecto musical conxunto desta banda para pór en valor a tradición cultural, lingüística e patrimonial galega desde a música, a danza, o patrimonio arquitectónico ou a paisaxe.
Durante a presentación, Valentín García indicou que se trata dun traballo "moi coidado, especialmente elaborado e que mostra unha gran sensibilidade polo patrimonio material e inmaterial de Galicia", desde a elección das localizacións ao paso do Camiño de Santiago ata a recollida e posta en valor das manifestacións artísticas, canto e danza, propias.
Nesta liña, sinalou que se trata dun proxecto que rememora, dá a coñecer e visibiliza "quefaceres tan arraigados como o labor do liño, así como as 'cantigas' asociadas á fiada ou o particular 'maneo' de Bergantiños e da Costa da Morte".
AO REDOR DO CAMIÑO
O videoclip xa se pode ver no Portal da Lingua Galega e constitúe un avance do proxecto musical conxunto que teñen en marcha Davide Salvado (canto e percusión), Fransy González (canto e percusión) e Cibrán Seixo (violín e produción musical), coa participación de Daniel Pardo (guión e danza), no que o trío parte dun repertorio musical de raíz para pór en valor a tradición cultural, lingüística e patrimonial galega desde a música, a danza, a palabra cantada, a arquitectura ou a paisaxe.
A peza foi filmada baixo a dirección técnica de Goluboff Studio na Comarca da Ulloa, ao pé do Camiño de Santiago, e está ambientada en emprazamentos e monumentos arquitectónicos tan coñecidos como a igrexa de San Salvador de Vilar de Doas (Palas de Rei) ou a carballeira de Airexe (Monterroso).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.