Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2021 | Actualizada ás 17:55
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cargou este mércores no pleno da Cámara, durante a sesión de control, contra o Goberno central, ao que cualificou de "moroso", á vez que celebrou, tras o fallo difundido na pasada xornada, que "o Tribunal Supremo (TS) estea a empezar a pór un pouco de orde" sobre os recursos do IVE que demandan algunhas comunidades.
Tamén o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, referiuse posteriormente noutro debate do pleno a esta sentenza do Supremo que deu a razón a Castilla y León na súa reclamación do IVE pendente do ano 2017. Rueda, tendo en conta que Galicia fixo unha demanda similar, reiterou a necesidade de que o Executivo estatal devolva á Xunta os 204 millóns que lle corresponden antes de que se pronuncien os tribunais.
Feijóo, previamente, afeara a "papeleta" do líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, tanto en relación ao recurso de inconstitucionalidade contra a reforma da lei galega de saúde como no asunto do IVE. Así, insistiu en que o Goberno que dirixe Pedro Sánchez é "moroso" e compórtase de forma "irresponsable", ao levar "13 meses de inacción, tomándose a pandemia de broma e sen cobertura legal salvo o estado de alarma".
"VIXIANTE ANTE AS POSIBLES ASIMETRÍAS AUTONÓMICAS"
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, advertiu este mércores na presentación da exposición 'Unha Galicia mellor: 40 anos do Estatuto de Autonomía de Galicia', que os galegos "seguen vixiantes, con argumentos e razóns, ante as posibles asimetrías autonómicas".
O líder do Executivo galego estivo acompañado polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Anxo Santalices; e polo alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; así como por comisarios da mostra. Entre outras personalidades, destacou expresamente a presenza no acto e a contribución de Camilo Nogueira e Víctor Manuel Vázquez Portomeñe.
A mostra, que pode visitarse no Museo do Pobo Galego --no Convento de Santo Domingo de Bonaval--, percorre os 40 anos de vida do Estatuto e expón en 21 paneis --cedidos por diferentes institucións como o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)--, os avances da comunidade galega en aspectos tan diferentes como economía, cultura e infraestruturas, entre outros, mediante carteis, datos e estatísticas, desde a publicación no BOE do documento autonómico, tal día como hoxe --28 de abril-- de 1981.
"Uns din que é pequeno, outros que é perigoso e amplo, pero a exposición demostra que o Estatuto cambiou Galicia completamente, material e animicamente. É unha arma que nos permitiu competir, e, en moitas ocasións, gañar", reivindicou o presidente a Xunta, para o que citou algúns dos feitos incluídos na exposición.
"Non hai un só dato que nos deixe indiferente. Hai 40 anos Galicia era unha das comunidades máis pobres de España, e agora conta cun PIB per cápita que supera o 93% da media estatal e unha renda media que chega ao 91%, ademais de pasar de dispor de 86 quilómetros de autovías a 1.398 quilómetros, ou duplicar o número de hospitais, de 14 a 28", explicou Feijóo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.