Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2021 | Actualizada ás 13:57
Os principais sindicatos con representación en Galicia alertan da "grave" situación que atravesa o emprego, xa que a Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicada este xoves constata un empeoramento de todos os indicadores, e na que Galicia sofre a maior suba de paro de todo o Estado no primeiro trimestre.
Nun comunicado, o secretario confederal de Emprego da CIG, Fran Cartelle, lamenta a "estampa demoledora" que arroxa a EPA en Galicia, cunha perda de emprego en todas as idades, sectores, sexos e provincias. Igualmente, a taxa de paro sobe ata o 13%, e pérdese poboación activa e ocupada.
Nun mes no que Galicia é a comunidade con maior alza de desemprego no país, con 15.700 persoas máis, Cartelle avisa de que "a situación é tan grave que non hai xa nin un só indicador que non empeore, porque tanto a poboación activa como a ocupada ou desempregada teñen unha evolución moi preocupante neste primeiro trimestre".
Ademais, remarca que "un dos indicadores máis preocupantes" é que unha parte importante da poboación abandonou o mercado laboral, posto que se reduciu a poboación activa en 5.400 persoas. Ante isto, carga contra as "inxustas" medidas adoptadas polas administracións, de forma que pide políticas públicas que garantan condicións de vida "dignas".
"DERROGAR AS REFORMAS LABORAIS"
Pola súa banda, UGT chama a que "agora toca derrogar as reformas laborais" co fin de crear emprego decente e con dereitos, xa que hai 20.000 empregos temporais menos en Galicia, o que constata que as reformas "configuraron un mercado de traballo no que destruír o emprego temporal é máis fácil".
A secretaria de Emprego de CC.OO., Maica Bouza, referiuse a os "moi malos datos" da EPA en Galicia e alerta de que "non se albisca a recuperación" ante a crise derivada da pandemia. Ademais de ser a comunidade na que máis crece o paro, é a sexta con maior destrución de emprego no primeiro trimestre (21.100 postos de traballo).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.