A CRTVG responde que o episodio machista ocorrido en 'Land Rober' "foi un erro"

Sánchez Izquierdo apunta que o programa "non pasou por produción" e que, tras pedir explicacións, se revisaron os protocolos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/04/2021 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

O director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, acudiu este venres ao Parlamento en relación á polémica emisión dun programa de 'Land Rober' acusado de machismo e de tentar promover un encontro entre unha muller e a súa exparella, coa que terminou a relación debido a que a controlaba.

Roberto Vilar en Land Rober
Roberto Vilar en Land Rober | Fonte: TVG.

"Que o sucedido foi un erro é obvio", dixo, na comisión de control da CRTVG, onde defendeu a xestión posterior realizada desta cuestión, a implicación do ente nas políticas de igualdade e contra o machismo e a decisión de non "participar de polémicas", especialmente a través de redes sociais.

A pregunta, debatida de forma acumulada, foi presentada polos tres grupos políticos presentes no Parlamento galego --PP, BNG e PSOE--, que pediron ao responsable da CRTVG unha análise do sucedido no programa, así como as medidas postas en marcha para evitar que algo así se repita.

O programa, emitido o pasado 8 de abril, incluíu a suposta 'reconciliación' entre un mozo e a súa exmoza, que acudira como público. Ao longo do programa, e por mor da insistencia para saber se querería falar con el en directo, a moza contou que cortara a súa relación polos celos del e porque exercía control sobre ela. O caso causou unha forte polémica en redes sociais e levou ao propio presentador, Roberto Vilar, e á produtora responsable do espazo, a pedir desculpas.

UN ERRO POLO QUE SE ACTUOU CON "CELERIDADE"

Sánchez Izquierdo recoñeceu que o ocorrido foi "un erro", polo que se pediron "desculpas" e activáronse "coa máxima celeridade" os mecanismos de análises do sucedido. "Pero os erros, desafortunadamente, existen, e son irreparables cando se producen en público e en practicamente directo", apostilou.

A CRTVG, dixo, tomou medidas "no mesmo segundo en que tivo coñecemento" do sucedido, durante a súa emisión, coa decisión, por exemplo, de eliminar "calquera mención" do programa en redes sociais e non subilo á web para "protexer a imaxe da muller".

Ao día seguinte, desde a CRTVG "pedíronse por escrito as explicacións pertinentes" á produtora. Entre as ofrecidas, apuntou o director do ente, está que, "a pesar de ser gravado, o programa non pasou pola sala de montaxe", xa que entre o final da gravación e a emisión mediaron só "12 minutos". "O programa lánzase directamente ao aire, polo que queda claro que non houbo tempo material para que pasase pola sala de montaxe", resolveu.

Por outra banda, Sánchez Izquierdo dixo que "é falso que o programa cortase imaxes do home entrando no estudo". O mozo, admitiu, "entrou nunha pausa de publicidade co consentimento da muller e dos seus acompañantes", pero este período non é gravado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta