Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2021 | Actualizada ás 22:25
Continúan os trámites para instalar novos parques eólicos en Galicia. Nin a oposición de grupos ecoloxistas nin as recentes protestas de plataformas veciñais veñen de frear o paso da Xunta, que segue adiante cos proxectos permitidos nos últimos meses a pesar de que moitos deles foron denunciados polas plataformas verdes ante supostos “incumprimentos” e “ilegalidades”.
Outro dos plans sobre os que penden as sospeitas do ecoloxismo galego é o Proxecto Eólico Berdoias, cuxo enorme tamaño --ao que se suma a liña de evacuación-- implicaría cubrir superficies de ata once concellos da provincia da Coruña. A afectación comezaría por Vimianzo e seguiría por Muxía, Dumbría, Ordes, Cerceda, Santa Comba, Tordoia, Trazo, Val do Dubra, Zas ata chegar a Carral.
En conxunto, o proxecto Berdoias, impulsado por Iberdrola, contaría con ata 17 muíños de vento de gran altura que fan del, a ollos de Petón do Lobo, un parque “sobredimensionado” que abrangue mesmo “a zona costeira e marítima do litoral atlántico”. A esta afectación paisaxística uniríaselle o impacto evidente sobre os núcleos de poboación máis próximos.
A plataforma censura, neste aspecto, a “falta de avaliación” ante o “posible éxodo poboacional” e o conseguinte “despoboamento do rural como consecuencia da implantación masiva e desordenada de parques eólicos sobre o mesmo territorio”. Con todo, as externalidades negativas do Berdoias non son o único flanco criticado polo ecoloxismo galego, xa que sobre o proxecto pende, unha vez máis, a sombra dunha tramitación “irregular” e laxa.
SUPOSTOS "INCUMPRIMENTOS"
Neste aspecto, Petón do Lobo sinala case unha decena de trámites que o parque eólico tería sin cumprir de cara á súa necesaria aceptación por parte da Xunta. Subliñan, por un lado, que implicaría unha “afección moi severa e incompatible” coa conservación de hábitats naturais de acordo coa regulación da Unión Europea, e que á parte sería incompatible coa vida da “avifauna da totalidade dos parques e estruturas”.
Á parte, destacan que Iberdrola e Xunta aínda non avaliaron os efectos do parque sobre o patrimonio cultural inmaterial, o mesmo caso que cun suposto incremento de niveis sonoros e contaminación electromagnética que contribuiría a este despoboamento das zonas rodeadas de eólicos. A circunstancia repítese con respecto á avaliación global “sumativa e acumulada” de todas as infraestruturas e nivel de ruído “acumulado”, que a ollos da plataforma tampouco se desenvolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.