Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2021 | Actualizada ás 16:06
A conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, asinou un novo convenio de colaboración co colexio oficial de psicoloxía de Galicia para garantir unha quenda de garda de atención psicolóxica a mulleres e menores que sofren violencia de xénero, un programa que conta cunha achega de 80.000 euros por parte da Xunta.
"A atención psicolóxica é un instrumento fundamental para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, para a protección e o apoio ás mulleres que a sofren, pero tamén para os seus fillos e fillas, testemuñas e vítimas da violencia familiar", destacou Lorenzana, nunha rolda de prensa despois de rubricar o acordo.
O Goberno galego reafirma a súa alianza co colexio de psicoloxía galego por terceiro ano consecutivo. Desde entón, máis de 120 persoas resultaron atendidas polo dispositivo. A quenda de garda psicolóxica actívase de forma inmediata nos casos de urxencia e garante a presenza dun profesional desde o momento posterior de producirse unha agresión. A atención psicolóxica ten carácter inmediato nestes casos e préstase en todos os partidos xudiciais galegos a requirimento das forzas e corpos de seguridade.
A COVID, UN PASO ATRÁS
Por parte do colexio, Rosa Álvarez advertiu de que a pandemia da covid "supuxo unha situación de maior vulnerabilidade, risco e perigo para moitas mulleres e os seus fillos afectados por violencia de xénero".
Houbo fogares "que para moitas mulleres non eran un espazo seguro", posto que "pasaron a estar co seu agresor as 24 horas do día", non só polo confinamento, tamén pola corentena, as restricións e as limitacións á mobilidade.
Neste sentido, tamén apuntou a fogares "que están a vivir moita tensión pola deterioración das condicións laborais e económicas". Por todo iso, lamentou que a covid "trouxo un paso atrás para a igualdade e lembrou que fráxiles son os avances conquistados".
En calquera caso, reivindicou que "desde o primeiro momento traballouse con videoconferencias", o que "permitiu a continuidade do labor terapéutico, en momentos moi difíciles". Con "moito traballo por diante", Álvarez chamou a loitar cun labor de sensibilización para acabar con "moitas condutas normalizadas que son violencia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.