Galicia avanza na loita contra o radon

Investigadores logran reducir nun 90 % os niveis de radon na Universidade da Coruña. Outro estudo de científicos galegos achega novos datos sobre a relación entre este gas e o cancro de pulmón.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Investigadores do Grupo de Polímeros do Centro de Investigacións Tecnolóxicas e do Laboratorio de Radioctividade Ambiental da Universidade da Coruña (UDC) lograron reducir os niveis de gas radon entre un 87 % e un 90% na Facultade de Informática.

Fotografía da sala de medición de gas radon no Laboratorio de Radioactividade Ambiental da Universidade da Coruña
Fotografía da sala de medición de gas radon no Laboratorio de Radioactividade Ambiental da Universidade da Coruña | Fonte: Sensors, 2017, 17, 1090.

As instalación da UDC, nos últimos anos, foron un foco de atención e preocupación polos altos valores rexistrados deste gas canceríxeno. En xuño de 2016, a propia universidade coruñesa informaba que a sala da Facultade de Informática fora desaloxada, como “medida preventiva”, tras detectarse un exceso de radon.

O gas aparecera no Centro de Cálculo da facultade, nunha "sala pechada á que só acceden os traballadores da universidade", sinalou daquela a UDC, tras detectarse niveis superiores de radon ao límite establecido. E comezaron os traballos de acondicionamento para reducir eses niveis.

Tres meses antes, en mazo de 2016, a UDC decidira tomar medidas no edificio que acolle as facultades de Socioloxía e Ciencias da Comunicación tras detectarse, tamén, altos niveis de radon na planta soto.

As medicións foron efectuadas polo Laboratorio de Radioactividade Ambiental, da Escola Universitaria Politécnica, que é o referente na súa área para todo o noroeste de España. Nas medicións tomadas no edificio que acolle estas dúas facultades, observáronse concentracións, da orde dos 3.000-4.000 Bq/metro cúbico, cando a normativa a limita a 600 Bq/metro cúbico máximo para non poñer en risco a saúde humana.

Pois ben, tras a aplicación de medidas correctoras, os investigadores da UDC confirman que lograron reducir os valores de radon entre un 87 % e un 90%, despois de tres anos de estudo, obras e controis da concentración na Escola de Informática.

Como lembran os responsables deste traballo, os valores superiores a 600 Bq/metro cúbico requiren a implantación dun sistema de mitigación, sometido a controis periódicos para garantir a súa eficiencia. E no caso de lugares de traballo con gran número de persoas, o limiar medio anual de concentración debe reducirse a 300 Bq/m3, máis acorde coa lexislación europea.

A medición da concentración inicial de actividade de radón comezou nos dous primeiros niveis do edificio, con valores extraordinariamente altos no Centro de Cálculo (andar 0), onde se chegou rexistrar nas primeiras medicións unha media de 1.521 Bq/m3, mentres que no resto de salas analizadas os rexistros estiveron por debaixo de 500.

“A principal razón” para a existencia de concentracións tan altas nesta sala foi que “esta zona do edificio ten un chan elevado, cun espazo no solo de 50 centrímetros” e ese “espazo baixo o chan elevado está aberto e esténdese baixo todas as habitacións de arriba”, explican os investigadores. Isto levou aos investigadores a realizar novas medicións nas estancias adxacentes no mesmo andar. E nestes espazos atoparon tamén “valores moi altos”, semellantes aos detectados no Centro de Cálculo, “confirmando a sospeita de que toda a área foi afectada por altas concentracións de actividade de radon”, explican.

MEDIDAS DE MITIGACIÓN

Cos datos na man, decidiron aplicar unha solución atenuante no Centro de Cálculo e nos laborarios 1 e 2 da planta baixa, xa que “son salas cun alto índice de ocupación por parte de persoal e e estudantes da Facultade de Informática”.

Os investigadores contemplaron un conxunto de medidas correctoras: selado ocos, fisuras e gretas para evitar a entrada de radón no edificio, instalación de ventiladores para introducir aire fresco filtrado no edificio e aumentar a presión no interior do edificio con respecto ao exterior para evitar que o radon flúa no interior; instalación de sistemas de sumidoiros do radon, e ventilación natural ou forzada na cámara de aire debaixo do chan para eliminar o radon antes de que entre no edificio.

Valorando todos os elementos, decidiuse instalar un sistema de extracción mecánica no espazo atopado entre o chan e o solo elevado, coa idea de xerar un fluxo de aire que impida a acumulación do gas, funcionando continuamente as 24 horas do día, cunha extracción de aire ao 100%.

Unha vez que se implementaron as medidas correctoras para eliminar o radon nesas tres salas, repetíronse as medicións para comprobar a súa eficiencia. Os resultados demostran que “foi posible lograr unha redución considerable na actividade do radon”, explican os autores.

No Centro de Cálculo logrouse unha redución do 90,26 % entre as medicións feitas en abril de 2016 e as realizadas en setembro dese ano. Nos laboratorios conseguíronse reducións do 91 % e do 88 %.

Posteriormente, colocouse un detector de trazas durante tres meses para a validación a longo prazo da solución de mitigación e co fin de obter unha actividade media de radon que podería extrapolarse a un ano e cumprir cos límites de exposición establecidos pola lexislación. Así, comprobaron que “as medidas correctoras resultaron satisfactorias, reducíndose significativamente as actividades específicas do radon”, destacan.

O certo é que os resultados foron moi positivos, xa que as medicións posteriores permitiron confirmar que os niveis se mantiñan reducidos. Así, nas medicións feitas tres anos despois, en xullo de 2019, mantíñanse prácticamente invariables esas porcentaxes: no Centro de Cálculo a redución mantíñase nun 90 % respecto aos niveis de abril de 2016, e nos laboratorios, no 89 % e 87 %.

“En consecuencia, tres anos despois da conclusión da medida de mitigación do radon, o sistema continuou funcionando correctamente e apenas houbo variacións entre as medicións realizadas en 2016 e 2019”, salientan os responsables do estudo.

Con todo, os investigadores subliñan que “aínda que a instalación dun sistema de ventilación forzada debaixo do chan reduciu efectivamente a concentración de gas por debaixo dos niveis críticos permitidos pola lexislación española vixente, recoméndase encarecidamente unha ventilación adecuada da sala xunto cunha avaliación regular dos niveis de gas radon para garantir a seguridade do edificio”.

Refírense, concretamente, a manter unha adecuada ventilación mediante a apertura periódica de portas e fiestras, medida preventiva que “se pode tomar adicionalmente xunto con medicións periódicas e supervisión técnica do sistema de extracción mecánica para garantir que a concentración media anual permaneza por debaixo dos valores permitidos pola lei, reducindo así os riscos para a saúde”, algo que “é primordial debido á actividade pública do edificio”, conclúen.

Os detalles do estudo e os resultados son publicados na revista científica Journal of Radiological Protection.

MÁIS CASOS DE ÉXITO NA UDC

Este non é o único caso de éxito na mitigación do radon na UDC. Outros experimentos acadaron niveis de redución similares.

En 2017, investigadores do Laboratorio de Radioactividade Ambiental da Universidade da Coruña publicaron os resultados dun experimento no que se logrou reducir as concentracións de gas radon nun 76%.

O traballo estendeuse durante unha década (2007-2017) na sala de medicións do laboratorio, onde se detectara radon. Neste caso, polas características do edificio e da sala, situada no segundo andar, non foi posible levar a cabo algúns métodos de mitigación tales como a ventilación baixo o chan, os sistemas de selado e sumidoiro, elixindo como mellor opción a ventilación positiva (ou ventilación por impulsión) debido á súa viabilidade e o seu baixo custo.

Ese mesmo ano, o Laboratorio de Radioctividade Ambiental da UDC presentou os resultados dun estudo sobre a concentración de radon na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica. Aplicando medidas correctoras como o selado de gretas e a instalación dun sistema mecánico de ventilación conseguiron reducir a concentración de radon en valores que oscilan entre o 50 e o 90 %.

Ademais, científicos da Universidade da Coruña deseñaron e presentaron en 2020 un sistema de alerta e vixilancia de gas radon seguro e de baixo custo, baseado en tecnoloxías de código aberto. Trátase dun conxunto de dispositivos deseñados para espazos habitables de tamaño regular, como fogares ou oficinas, que permite saber ao usuario, con antelación, se ese espazo ten ou non unha alta concentración de radon.

Segundo os seus creadores, este sistema permite que “as persoas que ocupen eses espazos eviten o aumento das concentracións de radon” grazas ás alertas recibidas.

NOVAS ACHEGAS SOBRE A RELACIÓN RADON-CANCRO DE PULMÓN

Paralelamente, un equipo de investigadores galegos vén de publicar os resultados doutro estudo, este para determinar se podería haber unha asociación entre as concentracións de radon e a idade, o xénero, o tipo histolóxico e o estadio tumoral no diagnóstico de cancro de pulmón.

Os investigadores recrutaron casos de cancro de pulmón diagnosticados en diferentes estudos de control de casos realizados en Galicia, entre o 1 de xaneiro de 2011 e o 31 de agosto de 2019.

O estudo cubriu un total de 831 casos de cancro de pulmón, dos que o 56 % eran homes, o 56,7 % eran fumadores ou exfumadores e, destes, o 82,1 % eran homes, mentres que entre os que nunca fumaban, o 78,6 % eran mulleres. A idade media no diagnóstico foi de 67 anos. O tipo histolóxico de cancro máis frecuente foi o adenocarcinoma, un carcinoma que ten a súa orixe en células que constitúen o revestimento interno das  glándulas de secreción externa.

Por outro lado, a duración media da residencia dos participantes nas súas vivendas foi de 30 anos e a concentración media de gas radon foi de 175 Bq/m3. Aproximadamente, a metade dos participantes vivían en casas illadas en zonas rurais. A concentración media de radón foi de 196 Bq/m3 nas zonas rurais fronte a 164 Bq/m3 nas áreas urbanas. A maioría dos participantes nas zonas urbanas vivían en bloques de apartamentos.

No diagnóstico, non se atopou asociación entre as concentracións de radon interior e a idade, o xénero, o tipo histolóxico ou o estadio tumoral. As concentracións medias de radón interior aumentaron coa idade no momento do diagnóstico para os homes, pero non para as mulleres.

Así, os investigadores conclúen que “a concentración de radón residencial non parece estar asociada a un peor estadio no diagnóstico ou á idade no diagnóstico” e “non parece haber relación co tipo histolóxico ou o sexo”.

Por último, ao analizar participantes expostos a máis de 1000 Bq/m3, observouse un predominio do cancro de pulmón de células pequenas e unha maior presenza de estadios avanzados.

Neste sentido, apuntan que “os datos rexistrados para pacientes con altas concentracións de radon son dignos de mención, xa que apuntan a un claro predominio do cancro de células pequenas (máis do 50 %)” e “estadios de enfermidade lixeiramente máis avanzados” nestes suxeitos. E chaman a atención sobre as “altas concentracións de radon observadas”.

Os resultados deste estudo veñen de publicarse na revista científica International Journal of Radiation Biology e están asinados por investigadores dos complexos hospitalarios universitarios de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

Este mesmo ano coñecíanse os resultados dun estudo multicéntrico en nove hospitais de España e Portugal no que se evidenciou que a exposición ao gas radon supón un enorme risco para a saúde humana, xa que “parece aumentar o risco de cancro de pulmón de células pequenas”.

Trátase dos resultados finais do estudo 'Small Cell', asinados por 16 investigadores de Galicia, Madrid, Asturias, Ávila e Porto (Portugal).

Os investigadores atoparon unha "asociación estatisticamente significativa” entre os niveis de radón e o risco de padecer un cancro de pulmón. Máis detalladamente, observaron que esta asociación é maior nos suxeitos expostos a concentracións superiores ao limiar que establece a Axencia de Protección Ambiental (EPA) de Estados Unidos para marcar o nivel de risco, de 148 Bq/m3, que naqueles suxeitos expostos a concentracións inferiores a 50 Bq/m3.

O estudo tamén salienta que os fumadores expostos a concentracións máis altas de radon presentan un risco moito máis elevado de cancro de pulmón de células pequenas, en comparación cos fumadores expostos a concentracións máis baixas de radon en interiores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta