A Xunta levanta o peche perimetral e o toque de queda e aumenta o horario de restaurantes ás 01.00 horas

Só estarán vixentes o peche e o toque de queda nos concellos con nivel máximo de restricións que son cinco, tras incluírse Padrón nunha lista na que están Laza, Cualedro, Vilanova e Cambados. O TSXG terá que pronunciarse por primeira vez sobre manter o toque de queda. A Xunta "reforzará" o rexistro de viaxeiros xa obrigatorio por lei. O BNG pide manter o peche perimetral con comunidades con máis incidencia. O PSdeG ve "razoable" o avance na desescalada cara ao "modelo asturiano".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/05/2021 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves que Galicia levantará o peche perimetral e o toque de queda a partir das 00.00 horas deste domingo, 9 de maio. Ademais, anunciou que aumentará o horario de peche de negocios e hostalaría. Así, os negocios poderán pechar ás 23.00 horas e os restaurantes poderán estar abertos ata ás 01.00 horas.

Un policía nacional, nun control na fronteira
Un policía nacional, nun control na fronteira | Fonte: Javi Colmenero - Europa Press.

Estas medidas, anunciadas logo da xuntanza do Comité Clínico da Xunta, póñense en vigor tras decaer o 9 de maio o estado de alarma decretado polo Goberno central. Con todo, o presidente da Xunta, destacou que, estas medidas non se aplicarán no caso dos concellos que estean no nivel máximo de restricións, actualmente, cinco, tras incluír este mesmo xoves a Padrón nesta lista na que están xa Cambados, Vilanova, Cualedro e Laza.

Nestes concellos o toque de queda seguirá vixente de 23.00 horas a 06.00 horas e tamén haberá peche perimetral. Para iso, o Goberno galego pedirá autorización ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

No resto de concellos, a Xunta permitirá a mobilidade, pero os non covivintes non poderán estar xuntos na rúa ou en domicilios particulares entre as 01.00 horas e as 06.00 horas. A apertura de Galicia permitirá que persoas doutras autonomías ou de Portugal poidan entrar xa libremente.

Galicia dirá así adeus ás 00,00 horas do domingo ao peche perimetral autonómico e permitirase a mobilidade para entrar e saír, aínda que se manterá o rexistro de viaxeiros --cuxa obrigatoriedade certifica a reforma da lei autonómica de saúde nun artigo que non foi recorrido nin suspendido-- e que será reforzado.

Ratificouno o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que recoñeceu que este paso é o que "máis preocupa" aos expertos que compoñen o comité clínico que asesora á Xunta desde o inicio da pandemia.

Neste punto, recalcou que a intención da Administración galega é "reforzar" o rexistro de viaxeiros que xa funciona e que inclúe a polémica reforma da lei de saúde, nun artigo (o 38.1) que, segundo lembrou, non foi recorrido polo Goberno ante o Tribunal Constitucional e, en consecuencia, cuxo vigor se mantén.

"Daremos unha maior visibilidade ao rexistro e as persoas que cumpran coa obriga de apuntarse serán chamadas para realizar unha proba diagnóstica", trasladou o xefe do Executivo galego, en relación a este instrumento pensado para ter un certo control sobre as persoas que chegan de zonas cunha incidencia de coronavirus moi alta.

No caso de que viaxen persoas cun certificado de vacinación, só terán que acreditar que o teñen e quedarán "exoneradas" de calquera proba. Non así de notificar do seu territorio ou estado de procedencia, xa que é preciso que as autoridades sanitarias galegas poidan "tutelar o que poida ocorrer".

Feijóo reflexionou que, aínda que se estea vacinado, pódese ser portador do virus. "Facémolo para coidar a xente", defendeu.

TSXG

A fin do estado de alarma obrigará á Xunta a ter que acudir ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para obter un aval xudicial no caso daquelas restricións que afecten a dereitos fundamentais dos cidadáns. E, entre outras cuestións, o alto tribunal galego terá que pronunciarse por primeira vez sobre manter o toque de queda.

Polo momento, a Xunta dirixirase ao TSXG para permitir manter estas medidas nos cinco concellos galegos que superan os 500 casos de incidencia acumulada a 14 días e que se atopan en nivel máximo de risco: Cambados, Vilanova de Arousa, Cualedro, Laza e Padrón.

A decisión sobre estes concellos sentará un precedente ao que aludiu Feijóo, quen destacou que a pretensión da Xunta é aplicar este criterio sempre que o requiran as circunstancias epidemiolóxicas.

Do mesmo xeito, o Executivo galego tamén terá que pedir aval xudicial para dar outros pasos, como limitar as reunións de non conviventes desde a unha ata o seis da mañá.

BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que se manteña o peche perimetral autonómico coas comunidades que presentan unha incidencia de novos casos de covid-19 superior á de Galicia e que se unifiquen os horarios establecidos para locais de hostalaría.

A Líder da formación nacionalista incidiu na necesidade de que o Goberno galego adopte as medidas precisas "para garantir que o esforzo realizado polos galegos durante os últimos meses", que levou que as cifras de contaxios da cuarta onda sexan "moderadas", "non se bote pola borda coa chegada de persoas procedentes doutros territorios cun nivel de incidencia superior ao de Galicia". "Sería unha incoherencia que non se poida viaxar de Padrón a Santiago, pero poidan vir cidadáns de Madrid ou do País Vasco", advertiu.

Por este motivo, pediu que a Xunta solicite ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o mantemento do peche perimetral "con aqueles territorios cun nivel de risco por enriba da media galega", que se sitúa en 150 novos contaxios por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días.

Tamén criticou a "discriminación horaria" de bares e cafetarías con restaurantes, ante a que expuxo unificar o período permitido para a apertura de establecementos do sector, que "demostrou unha enorme responsabilidade ao longo da pandemia" e foi "un dos máis impactados pola crise".

Así mesmo, Ana Pontón reprobou que a Xunta non aprobase polo momento o decreto coas medidas que regularán a desescalada a pesar de que o estado de alarma decaerá este domingo. Así, criticou que durante a pandemia o Goberno galego anunciase medidas plasmadas "in extremis" no Diario Oficial de Galicia (DOG), o que leva un "prexuízo" para os sectores económicos afectados por aspectos da normativa.

PSDEG

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou "razoable" o avance na desescalada anunciado pola Xunta e puxo en valor que se siga en Galicia "o modelo asturiano", como propuxo a súa formación.

En concreto, chamara a estudar que a hostalaría puiese abrir ata a medianoite unha vez superado o estado de alarma, sempre con "protocolos e con mecanismos de seguridade fronte ao virus", do mesmo xeito que na comunidade veciña.

Trátase, como dixo, de traballar "nunha desescalada gradual" que permita "avanzar cara á reactivación económica", porque "moitos cidadáns non chegan a fin de mes".

"Despois de que a última EPA mostrase en Galicia os peores datos de desemprego de España no primeiro trimestre do ano, temos que avanzar cara ao modelo asturiano: combinar moita vacinación e moita sanidade pública cunha desescalada gradual", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta