Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2021 | Actualizada ás 18:56
O xulgado do social número 2 de Santiago declarou "fixa" a unha traballadora dunha escola infantil do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e do Benestar que fora contratada en 2008 cun contrato de obra ou servizo determinado para o curso 2008/2009, pero que leva ocupando este posto desde hai 13 anos.
Así, os tribunais volveron a fallar a favor dunha traballadora, como lembra CNT, o sindicato que levou estes casos á xustiza e que promove a folga indefinida, cada martes alterno, entre as traballadoras deste ente dependente de Política Social. A Xunta vén de convocar un proceso selectivo para o consorcio, pero as traballadoras advirten da situación na que quedan, que pode suporlles a perda do seu posto de traballo despois de varios anos na mencionada situación de temporalidade.
Pola súa banda, a Consellería de Política Social defendeu, en varias ocasións, que as oposicións convocadas teñen en conta na súa puntuación de forma moi relevante a experiencia profesional.
Na sentenza que transcendeu este luns, con data do 5 de maio, o xulgado declara que aínda que a traballadora non superou o proceso selectivo inicial e quedou en lista de espera temporal de postos de traballo, debe de ser "declarada traballadora fixa", xa que a súa elección axustouse aos principios de igualdade, mérito e capacidade e os incumprimentos da legalidade "recaen na administración ao empregar unha modalidade contractual que non resulta adecuada á natureza do posto".
"ARMAZÓN LEGAL CONTRATACIÓNS FRAUDULENTAS"
CNT remarca, a través dun comunicado, que "aos poucos se vai asentando a evidencia de que as traballadoras non poden pagar as ilegalidades da administración". Para esta central sindical, a sentenza "deixa ver" que o Consorcio deseñou, desde o inicio, "unha armazón legal que pretendía levar a cabo contratacións fraudulentas a través de procesos selectivos completos que contaban con todas as garantías".
Ademais, sinala a "Pilar Candocia, xerente adxunta das Galescolas do Consorcio entre 2006 e 2009" --co bipartito, nunha área que levaba o BNG--, como a persoa que "asesorou e puxo en marcha estes procesos que tiveron como consecuencia establecer unha forma permanente de precariedade laboral" e "crearon unha temporalidade estrutural que afecta maioritariamente a mulleres", que supoñen o 90 por cento do persoal do consorcio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.