O Concello de Pontevedra quedará cos retablos, órgano e coro do convento de Santa Clara tras a súa compra

Eran os últimos flocos que quedaban pendentes na negociación.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/05/2021 | Actualizada ás 15:36

Comparte esta noticia

O concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, confirmou este martes que o Concello de Pontevedra pechou os últimos flocos que quedaban pendentes na negociación para a compra do convento de Santa Clara, relacionados co destino do patimonio moble e o posible traslado dun cemiterio situado na horta do convento. Así, o Consistorio quedará cos retablos, órgano e coro.

Convento de Santa Clara en Pontevedra
Convento de Santa Clara en Pontevedra | Fonte: Zarateman - Wikimedia.

Xaquín Moreda explicou que, finalmente, os retablos, un púlpito, o órgano e as cadeiras do coro permanecerán no convento en réxime de depósito durante un período de catro anos. Esta cesión por parte da congregación das Clarisas implica que o Concello se ocupará da conservación destes bens.

O concelleiro nacionalista tamén indicou que unha vez que remate o período de depósito, a Igrexa e a congregación das Clarisas deberán decidir se finalmente retiran este patrimonio da súa localización orixinal ou llo venden ao Concello ou á entidade que xestione o inmoble.

O goberno local de Pontevedra reiterou o seu desexo de que ese patrimonio quede na cidade, ben sexa en depósito ou a través de compra.

A congregación das Clarisas tamén decidiu retirar o cemiterio situado na horta e xa se está ocupando da tramitación necesaria para proceder ao traslado.

Por último, Xaquín Moreda confirmou que o Vaticano xa autorizou a operación de compra-venda do convento de Santa Clara, polo que desde os servizos municipais procederase a iniciar o expediente administrativo para facela efectiva.

Esta compra, tal e como anunciara o alcalde da cidade a semana pasada, inclúe o inmoble (edificacións, zonas verdes e muro perimetral) e está pechada por un importe de 3,2 millóns de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta