Galicia prepárase para o día de Xela Arias

Distintas iniciativas públicas e privadas para celebrar o Día das Letras Galegas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/05/2021 | Actualizada ás 19:58

Comparte esta noticia

Institucións, empresas, colectivos, clubs deportivos e a sociedade civil galega en xeral envórcanse este fin de semana coas homenaxes a Xela Arias, protagonista da edición de 2021 do Día das Letras Galegas que se celebra o vindeiro luns 17 de maio.

Presentación da camiseta especial do Obradoiro con motivo do Día das Letras Galegas 2021
Presentación da camiseta especial do Obradoiro con motivo do Día das Letras Galegas 2021 | Fonte: OBRADOIRO CAB.

Un exemplo diso é a camiseta especial que lucirá o Obradoiro na liga ACB de baloncesto no seu próximo partido, o primeiro que xogarán con público no Multiusos Fontes do Sar desde hai case un ano e medio. Así, o único equipo galego na máxima categoría do baloncesto español transforma o seu equipamento para decoralo cos nomes dos escritores máis importantes das letras galegas.

A camiseta, que foi presentada este venres na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago con presenza do presidente da RAG, Víctor Freixanes, portarana os xogadores do 'Obra' o vindeiro mércores ante o UCAM Murcia na despedida da tempada 2020/21 na cancha compostelá.

Por outra banda, a imaxe de Xela Arias decora xa o once trens dos servizos Avant e Media Distancia que realizan os traxectos A Coruña-Santiago-Vigo e A Coruña-Santiago-Ourense.

Ademais, os puntos de información das principais estacións ferroviarias galegas están decoradas cos carteis elaborados polos alumnos do IES de Ames con motivo do 17 de maio.

A programación que Renfe realiza con motivo do Día das Letras compleméntase coa solta de libros nas estacións de Galicia, onde se porán a disposición dos viaxeiros 500 exemplares cedidos pola Consellería de Cultura.

Pola súa banda, a Asociación de Escritores en Lingua Galega desenvolve ao longo deste mes, en colaboración coas deputacións da Coruña e Pontevedra, unha serie de actividades para achegar a figura de Xela Arias a distintos centros educativos das provincias coruñesa e pontevedresa.

E Pontevedra é a última parada da exposición 'Aquela meniña de Sarria', unha mostra elaborada polo colectivo Egeria en colaboración coa Consellería de Cultura.

Composta por unha ducia de paneis que repasan a vida e obra da escritora de Sarria, a exposición pode visitarse desde este venres no edificio administrativo da Xunta na Cidade do Lérez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta