Os abusos da banca

Nos últimos días os tres xigantes da banca española (BBVA, Santander e Caixa Bank) coincidiron en desacreditar a opción do Fondo Gugengheim para a adquisición de Nova Galicia Banco polo seu suposto carácter especulativo, cando o certo é que constitúe a única oferta viábel para salvar o emprego, a marca e unha oferta propia de servizos financeiros que limite os terríbeis efectos do oligopolio bancario. De todos os xeitos, resulta chocante esa crítica cando os propios BBVA e Santander son propiedade na súa maioría de Fondos e investidores internacionais.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 28/10/2013

Comparte esta noticia
A fachenda destes xigantes bancarios contrasta coa realidade, na  que a banca privada española non cumpre coa súa función social e económica. Reciben do Banco Central Europeo (BCE) a baixo custo inxentes cantidades de recursos que logo prestan caro ao sector público e desatenden totalmente a demanda de crédito das pequenas e medianas empresas, nomeadamente de desconto de bó papel comercial. Demanda de crédito que constitúe a razón última das achegas do BCE.  Malia que xa non vendan preferentes siguen a presionar ao seu persoal para que  comercialice entre a xente común renda variábel e outros produtos pensados para investidores e non para minoristas. E obrigan aos seus empregados a traballar longas xornadas de tarde sen lles pagar por elas.
 
As recentes absorcións saldáronse coa perda de centos de postos de traballo, moitos deles ben cualificados e remunerados. Nomeadamente significativos foron os danos xerados pola absorción  do Pastor polo Popular, tanto para os clientes galegos como para os empregados. Mais tamén a absorción do Banesto polo Santander produciu un sensíbel recurte do emprego.
 
A concentración bancaria exclúe dos servizos financeiros a milleiros de familias e pemes galegas. Velaí a necesidade de  que  a oferta de NCG Banco siga a existir independentemente dos outros operadores bancarios. E a conveniencia de garantirmos un instrumento financeiro da Xunta pensado para a mediana empresa galega, á que a banca privada española cada vez exclúe máis ou lle presta máis caro. Un Instituto Galego de Finanzas que absorbese Xesgalicia e ao inoperante IGAPE actual  e que actuase no ámbito da Banca corporativa.
 
Hoxendía a banca privada española no cumpre coa súa función económica e social. Polo menos na Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.