O PP acusa o Concello de Pontevedra de "malgastar o diñeiro público" nun proceso xudicial que perdeu pola xestión do IBI

Trátase do concurso público ao que se presentou a empresa Eibisa Norte SL e no que esta ocupou o primeiro lugar, mais non lle foi concedida a xestión.

Por E.P. | Pontevedra | 19/05/2021 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, reprochou ao Goberno local "malgastar o diñeiro público" no proceso xudicial que afecta á administración derivado da adxudicación do contrato para a xestión do Imposto de Bens Inmobles (IBI).

O concelleiro portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez
O concelleiro portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez | Fonte: PP.

Domínguez referiuse a un concurso público, que ascende a 200.000 euros, ao que se presentou a empresa Eibisa Norte SL e no que esta ocupou o primeiro lugar ao contar coa maior puntuación de todas as que se presentaron.

Con todo "e de forma absolutamente ilóxica", engade, desde o Concello alegaron que a empresa presentaba unha "baixa temeraria". É dicir, ao órgano de contratación "suscitáballe dúbidas" de que a empresa tivese a posibilidade de levar a cabo a xestión do IBI pois "entendían que o prezo proposto era demasiado baixo".

Acto seguido, o Concello concedeu o contrato "á segunda empresa". Eibisa Norte recorreu aos tribunais ao estar en desacordo coa decisión do Goberno local, alegando que a diferenza entre a súa oferta e a escollida é "de só 99 céntimos".

O Tribunal de Contratación Administrativa fallou ao seu favor e o Goberno de Miguel Anxo Fernández Lores recorreu esta nova decisión ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, proceso que a Administración local volveu perder.

Domínguez lamentou que este proceso mostra "a absoluta incapacidade do Concello para facer as cousas dunha forma correcta". "Expulsar unha empresa, cun contrato de máis de 200.000 euros, por unha baixa temeraria, por unha diferenza de 0,99 euros, é unha tomadura de pelo aos pontevedreses, aos contratos públicos e aos procesos de selección", considerou.

É por iso que o representante popular advertiu de que o Concello "está a tirar o diñeiro dos pontevedreses" e que a súa forma de actuar "indica un absoluto desprezo pola normativa de contratación".

RESPOSTA MUNICIPAL

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González saíu ao paso da denuncia do Partido Popular para xustificar que este contrato de adxudicación foi aprobado por unanimidade na Mesa de Contratación na que estaban presentes a interventora, o asesor xurídico, o xefe do servizo de contratación, o xefe da unidade xestora que fai a tramitación xunto ao presidente e os vogais dos distintos partidos con representación municipal que asistiron ao encontro

Segundo incidiu o concelleiro, eses son os técnicos que "fiscalizan" a xestión municipal e "o deber dos responsables políticos é velar porque esta proposta vaia ata o seu último termo", defendeu González Carballo.

Ademais, segundo o concelleiro nacionalista, Domínguez era o presidente da Comisión de Contas nesa época, polo que, se "había algún problema", debería levalo ao foro. "Ao portavoz do Partido Popular fáltanlle catro hervores", afirmou Raimundo González.

Respecto da decisión da Mesa de Contratación de expulsar a empresa, González xustificouno "tecnicamente" e puxo como exemplo que "por baixo da ponte de Eduardo Pondal hai un límite, se pasas dous milímetros xa non cabe o coche".

En canto a que os tribunais deron a razón á empresa fronte á administración local, o concelleiro de Facenda valorou que "no Concello non son infalibles", pero insistiu que "sempre" tenta defender as súas posicións.

"Pór en dúbida os técnicos municipais porque a ti che falta un padrenuestro paréceme gravísimo", sinalou, para reiterar que esta adxudicación "é un proceso regulado no que non cabe discrecionalidade política"

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta